Pestanas principais

Este xoves, 12 de marzo, continúa o programa SaúdeAndo cunha andaina dende o centro de saúde de Bertamiráns

Mércores, 11 de marzo de 2020

O programa SaúdeAndo prosigue coas súas andainas saudables este xoves, cunha andaina ás 17.30 horas dende o centro de saúde de Bertamiráns. Esta actividade, ao igual que o resto de andainas encadradas dentro do programa, trátase dunha ruta de dificultade media–baixa, que terá unha duración aproximada dunha hora ou hora e media. O programa enmarca unha serie de andainas, alternando as saídas dende o centro de saúde de Bertamiráns e o Milladoiro cada semana.

O programa SaúdeAndo, que arrancou de novo o pasado xoves 5 de marzo, ten programadas un total de 30 andainas dende marzo a decembro deste 2020. Así, 16 faranse dende o centro de saúde do Milladoiro e 14 dende o centro de saúde de Bertamiráns. Desta maneira, desenvolveranse todos os xoves ata o mes de decembro, agás os meses de verán, xullo e agosto, que se fai descanso.

As andainas con saída dende o centro de saúde de Bertamiráns realizaranse o 12 e 26 de marzo, o 23 de abril, 7 de maio, 4 e 18 de xuño, 3 e 17 setembro, o 1, 15 e 29 de outubro, o 12 e o 26 de novembro e o 10 de decembro. Mentres que no Milladoiro haberá andaina o 2,16 e 30 de abril, o 14 e 28 de maio, 11 e 25 de xuño, 10 e 24 de setembro, 8 e 22 de outubro, 5 e 19 de novembro, e o 3 e 17 de decembro

Promoción da actividade física

A través desta actividade, a Concellaría de Promoción da Saúde ten como obxectivo a promoción da actividade física e a redución do sedentarismo entre os e as amesás de todas as idades, unha práctica entretida cunha importante repercusión na saúde. Neste senso, son numerosos os estudos que indican que a práctica regular de actividade física aporta unha ampla serie de beneficios, a longo e a curto prazo, tanto físicos como emocionais.

Así, entre o amplo abano de beneficios que supón a realización de exercicio físico atópase a mellora da función cardiorrespiratoria, da forza muscular e da masa ósea, ademais de converterse nun factor clave para combater a obesidade. Asemade, esta práctica diminúe o desenrolo de factores de risco asociados a enfermidades crónicas como é o caso de hipertensión, diabetes, hipercolesterolemia ou osteoporose. Por outra banda, o deporte tamén mellora a autoestima, posto que permite reducir os síntomas de ansiedade e depresión e diminuír o estrés. Neste senso, a realización de actividade física, ademais de divertido axuda a sentirse máis feliz.

Outras actividades para a promoción de hábitos saudables

Ademais, este tipo de andainas do programa SaúdeAndo son complementadas por outro tipo de actividades que tamén promoven a actividade física, e que son organizadas pola Concellería de Promoción da Saúde. Un exemplo é o obradoiro de marcha nórdica que se esta desenvolvendo durante este mes tanto no Milladoiro como en Bertamiráns.

Despois dunha xornada de iniciación á marcha nórdica que se desenvolveu durante o pasado sábado 29 de febreiro e domingo 1 de marzo, este fin de semana os participantes no obradoiro abordarán a consolidación desta disciplina. Desenvolverase o sábado 14 de marzo no Pazo da Peregrina de Bertamiráns e domingo 15 no Pavillón Polideportivo do Milladoiro.

Ao engadir a práctica de marcha nórdica estamos favorecendo a súa posterior práctica entre a cidadanía. Esta actividade permite mellorar a postura, traballar tanto o tren superior como o inferior, tendo máis beneficios cardiovasculares e o mesmo tempo quitando presión sobre as xeonllos e a zona lumbar. O monitor de marcha nórdica, sigue sendo Ricardo Anguieira dándolle así un plus as andainas nas que se pode seguir practicando o aprendido no curso de iniciación.

Andainas do programa SaudeAndo dende Bertamiráns

Multimedia

  • Andainas do programa SaudeAndo dende Bertamiráns
  • Andainas do programa SaudeAndo dende Milladoiro