Pestanas principais

Este xoves, 17 de marzo, ofrécese unha charla informativa en Trasmonte sobre o programa de rehabilitación de vivendas nos Camiños de Santiago

Martes, 15 de marzo de 2016

[15-03-2016] O Concello de Ames, a través da concellaría de Participación e Atención Veciñal e Promoción Económica, informa que este xoves, 17 de marzo, ás 17:00 horas, terá lugar no local social de Trasmonte unha charla informativa a cargo dunha arquitecta da Xunta de Galicia, que contestará as dúbidas sobre a orde de subvención para actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito da área de rehabilitación integral (ARI) dos Camiños de Santiago, na que se atopan as parroquias de Agrón, Covas, Lens e Transmonte (toda a parroquia) e Ames e Biduído (só o trazado dos Camiños de Fisterra-Muxía e o Portugués). Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o AVISO desta charla.

A Xunta de Galicia vén de sacar un programa de rehabilitación de vivendas nos Camiños de Santiago, a través da orde da Consellería de Infraestruturas e Vivenda de 22 de decembro de 2015, que se pode consultar no DOG número 246 do 28 de decembro de 2015. Os beneficiarios deste programa poden ser as persoas propietarias únicas de edificios ou de vivendas; as comunidades de propietarios de vivendas; e as agrupacións de comunidades de propietarios/as de vivendas.

Ames é un dos poucos concellos galegos polo que discorren máis de un dos camiños de peregrinación xacobea. Dúas rutas de peregrinación discorren polo seu termo municipal: o Camiño Real de Santiago a Fisterra, Muxía e o Camiño Portugués. Debido a esta circunstancia, as persoas/comunidades/agrupacións con edificios ou vivendas nas parroquias polas que discorren algún destes dous camiños poden acollerse a este programa de rehabilitación de vivendas.

As parroquias afectadas son Agrón, Covas, Lens e Transmonte (toda a parroquia) e Ames e Biduído (só o trazado dos Camiños de Fisterra-Muxía e o Portugués). As actuacións contempladas neste programa son obras de mantemento co obxectivo de adecuar os edificios á normativa vixente; obras para a mellora da eficiencia enerxética do edificio e vivenda; obras para mellorar as condicións de accesibilidade aos edificios e os accesos ás vivendas e locais e a súa adaptación á normativa enerxética.

A contía máxima das axudas determinarase atendendo ao custe subvencionable da actuación, reflectido na cualificación definitiva. A axuda non poderá exceder do 35% do citado custe subvencionable. O gasto susceptible de subvención fixado na cualificación definitiva determinarase despois da comprobación da execución de todas as obras e da emisión do informe favorable dos servizos técnicos das Áreas Provinciais do IGVS, en atención ás facturas e documentos bancarios de pagamento que se presenten como xustificación destas. A contía máxima das axudas non poderá exceder de 11.000 euros por cada cada vivenda obxecto de rehabilitación.

O Concello de Ames colabora nesta acción coa Xunta de Galicia e convida a toda a veciñanza, que poda estar interesada, a asistir ao local social de Trasmonte o próximo xoves, 17 de marzo , ás 17:00 horas.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Charla en Trasmonte sobre las ayudas de la Xunta para rehabilitar viviendas"