Pestanas principais

Este xoves 18 de febreiro pecha o prazo para inscribirse no programa Primavera Lúdica

Martes, 16 de febreiro de 2021

O prazo para inscribirse no programa de conciliación da vida laboral e familiar “Primavera Lúdica” está aberto até este xoves 18 de febreiro. O servizo desenvolverase desde o 29 de marzo até o 5 de abril, coincidindo coas vacacións escolares de Semana Santa. O programa está dirixido ás familias empadroadas e residentes no concello de Ames, que teñan nenas e nenos escolarizados no segundo ciclo de Educación Infantil ou en Educación Primaria. As inscricións pódense facer vía telemática, a través da Sede electrónica, nas oficinas de rexistro de Bertamiráns e do Milladoiro (pedindo cita previamente), e en calquera outro rexistro que estea acreditado. Podes descargar aquí a ficha de inscrición.

A Primavera Lúdica forma parte dunha serie de programas de conciliación que o Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación, convoca nos períodos de vacacións escolares para axudar ás familias amesás a compatibilizar vida laboral e familiar. O programa basease en actividades que combinan o lúdico co educativo e que favorecen a educación en valores como o respecto, a empatía e a igualdade.

O programa de conciliación Primavera Lúdica está dirixido ás familias empadroadas e residentes no concello de Ames, que teñan nenas e nenos escolarizados no segundo ciclo de Educación Infantil ou en Educación Primaria. O programa desenvolverase en Bertamiráns (CEIP da Maía) e no Milladoiro (EEI do Milladoiro e CEP de Ventín).

A Primavera lúdica permite que as familias inscriban ás crianzas en función das súas necesidades de conciliación, ofertando tamén un servizo de almorzo, que comeza ás 7.30 horas, e outro de xantar, cuxas usuarias e usuarios deberán ser recollidos antes das 16.00 horas. O horario das actividades irá das 9.00h ás 14.30 horas. Desta maneira, as familias poderán combinar servizos e horarios segundo precisen. As monitoras e monitores coidarán das cativas e cativos en todo o momento. Aquelas nenas ou nenos con necesidades especiais contarán coa atención individualizada dun monitora ou monitor durante todo o programa.

Presentación da solicitude de inscrición
A documentación poderá ser entregada no Rexistro Xeral do Concello (en Bertamiráns), na Oficina Municipal do Milladoiro, no Rexistro Electrónico municipal ou no rexistro de calquera Administración Pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR). O horario de apertura das dependencias municipais é de 09.00h a 14.00 horas, de luns a venres. O prazo para presentar os documentos remata o 18 de febreiro.

Para obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal do departamento municipal de Educación. Podes descargar aquí a ficha de inscrición.

Documentación necesaria
No momento de solicitar praza, as familias deberán entregar a solicitude de inscrición e o mandato SEPA, debidamente cubertos e asinados. A solicitude deberá entregarse acompañada dos documentos seguintes: fotocopia do libro de familia completo cotexado; fotocopia do DNI da persoa titular da conta; e documentación que indique a ocupación dos pais/nais ou titores/titoras (certificados de traballo, e de ser o caso certificación de estar realizando cursos de formación ou calquera outra que especifique a necesidade de conciliar a vida laboral e familiar).

De ser o caso, haberá que entregar un informe médico que acredite a necesidade de dieta ou calquera outro tipo de tratamento especial. O libro de familia só se entregará nos casos en que non se tivese presentado no departamento de Educación, ou se producise algún cambio na situación familiar. No caso de ruptura da unidade familiar, deberá traer a documentación que o xustifique. A copia do DNI só se entregará nos casos en que non se tivese presentado no departamento de Educación e siga vixente.

cartel primavera ludica

Multimedia

  • cartel primavera ludica portada