Pestanas principais

Este xoves hai unha nova sesión dos “Seráns de Ames” con Quico Cadaval e Celso Sanmartín

Mércores, 26 de xullo de 2023

Este xoves, 27 de xullo, ás 19.30 horas, o campo da festa de Bugallido acolle a cuarta das actuacións do programa “Seráns de Ames”. Esta iniciativa leva realizándose todos os xoves de xullo e continúa durante o mes de agosto. Nesta ocasión poderase gozar co espectáculo “Narradores no Serán” a cargo de Quico Cadaval e Celso Sanmartín. O programa dos “Seráns de Ames 2023” está composto por doce espectáculos que se realizan en Tapia e Bugallido. Premendo nesta ligazón podes consultar o cartel ao completo dos “Seráns de Ames”.

“Seráns de Ames” é unha programación de verán para todos os públicos que volve ao concello por terceiro ano consecutivo, despois de que no ano 2021 se estrease a iniciativa na praia fluvial de Tapia e no 2022 se ampliase á parroquia de Bugallido. Como en anteriores edicións, as doce actividades que conforman o programa desenvólvense todos os xoves dos meses de xullo e agosto.

Este xoves, 27 de xullo, ás 19.30 horas, realizarase no campo da festa de Bugallido o espectáculo “Narradores no Serán” a cargo de Quico Cadaval e Celso Sanmartín. Quico Cadaval é un recoñecido actor, director e adaptador teatral galego. Ademais, foi o impulsor do movemento de contacontos xurdido en Galicia na década dos noventa. Por outra banda, Celso Sanmartín, coñecido como Celsiño, destaca pola súa faceta como poeta e por ser un dos mellores contadores de contos de Galicia.

Seráns de agosto
O mes de agosto estrearase co espectáculo aéreo “La Coquette”, de Kanbahiota. Combinará humor, circo e moita diversión para todos os públicos. Será o día 3, ás 19:30 horas, en Tapia.

A segunda semana de agosto levará a Bugallido unha cita dobre: o contacontos “Conto contiño”, con Bibiana Calvo e Divina Fernández; e a comedia teatral “A gran viaxe”, da compañía Inventi. Ambas terán lugar o xoves 10, a partir das 19:30 horas.

Xa o día 17, Tapia acollerá unha sesión de ludoteca familiar e os xogos de Nerea Couselo, ás 17:30 horas; e a obra “Chocolate”, de Teatro Calavera, unha actividade que mestura narración oral coa posta en escena teatral, ás 19:30 horas.

O programa pecharase o día 24 de agosto, en Bugallido, coa actuación musical de Brais das Hortas, que ofrecerá o seu espectáculo “Consertasso na horta”, ás 19:30 horas.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Cadaval e Celso Sanmartín actúan co espectáculo ‘Narradores’ no Serán de Ames"

Ames Go: "Quico Cadaval e Celso Sanmartín mañá no Serán de Ames"

Este xoves hai unha nova sesión dos “Seráns de Ames” con Quico Cadaval e Celso Sanmartín

Multimedia

  • Cartaz do programa Seráns de Ames 2023