Pestanas principais

Execútanse as obras de pavimentación das estradas de A Garea e Sandar por 240.000 euros

Sábado, 23 de marzo de 2024

A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación das obras de pavimentación das estradas de A Garea e Sandar, na parroquia de Agrón. As obras foron adxudicadas á empresa Aquablue Sistemas Constructivos SL por un importe total de 239.766,30 euros (IVE incluído). O proxecto, que forma parte do POS+2022, ten por obxecto o acondicionamento das vías co fin de incrementar a súa funcionalidade e  seguridade.

As estradas de A Garea e Sandar, na parroquia de Agrón, van dispor dunha renovación da súa pavimentación. A Xunta de Goberno Local adxudicou o pasado 31 de agosto as obras de pavimentación destes núcleos á empresa Aquablue Sistemas Constructivos SL, por un importe de 239.766,30 euros (IVE incluído).

O obxectivo desta mellora é que as estradas de ambos núcleos estean correctamente acondicionadas, incrementando a súa funcionalidade e seguridade.

As obras xa están en marcha. Esta semana o alcalde de Ames, Blas García, e o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, achegáronse ata os núcleos de A Garea e Sandar para comprobar como se están a desenvolver os traballos de pavimentación. Estiveron acompañados por Esteban De la Fuente, técnico municipal do Ciclo Integral da Auga; e Juan Calvo, responsable da Brigada de Obras.

Detalles do proxecto
Para os viarios interiores dos núcleos proxéctase a demolición do pavimento actual e a execución dun novo pavimento de 15 centímetros de formigón con mallazo sobre unha capa de zahorra de 10 centímetros de espesor. En ámbalas marxes disporase dunha franxa de 30 centímetros de lastra de granito, coa que se realizarán cortes transversais no pavimento de formigón.

A estrada que une os núcleos acondicionarase mediante a mellora da capa de rodaxe con tratamento asfáltico superficial e rega de selado a toda a plataforma, previa reparación de fochancas con 10 centímetros de grava e tratamento asfáltico semiprofundo. As actuacións deste treito completaranse coa limpeza das gabias e a recuperación da sección hidráulica para garantir unha correcta drenaxe da plataforma.

Para o treito da estrada dende a saída de A Garea, en dirección norte, preténdese a mellora da súa capa de rodaxe mediante a aplicación de 5 centímetros de mestura bituminosa en quente, previa reparación de fochancas de 10 centímetros de grava e tratamento asfáltico semiprofundo.

No núcleo de A Garea empregarase un muro de perpiaños de pedra granítica de 65 metros de lonxitude como barreira de protección fronte á diferenza de cotas co terreo contiguo á estrada.

Ademais, tanto no núcleo de A Garea como no treito de saída en dirección norte proxéctase unha rede de drenaxe composta por canalización de PVC de 400 milímetros de diámetro, arquetas con sumidoiro, pozos de rexistro e arquetas para colector. Así mesmo, fóra do núcleo tamén se executarán diversos treitos de cuneta se seguridade revestida con 10 centímetros de formigón e mallazo. No interior do núcleo de A Garea a rede de drenaxe complétase coa execución “in situ” de 43 milímetros de caz de formigón con reixa.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ejecutan la pavimentación de viales en la parroquia amiense de Agrón por 240.000 euros"

Ames Go: "Execútanse as obras de pavimentación das estradas de A Garea e Sandar por 240.000 euros"

Execútanse as obras de pavimentación das estradas de A Garea e Sandar por 240.000 euros

Multimedia

  • Execútanse as obras de pavimentación das estradas de A Garea e Sandar por 240.000 euros
  • Execútanse as obras de pavimentación das estradas de A Garea e Sandar por 240.000 euros
  • Execútanse as obras de pavimentación das estradas de A Garea e Sandar por 240.000 euros