- Tematica
Esta semana o alcalde de Ames, Blas García, o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, e maila concelleira de Deportes, Susana Señorís, achegáronse ata o antigo campo de fútbol de Ortoño para comprobar como se están a desenvolver os traballos nestas instalacións. O proxecto, adxudicado á empresa MERAKI CR SL por un importe total de 268.155,30 euros (IVE incluído), contempla a creación dunha pista de patinaxe e dunha explanada para eventos. As obras están na fase final e pronto rematarán. Este proxecto súmase ao campo de lanzamento creado para a práctica do atletismo no antigo campo de fútbol de Biduído.
O campo de fútbol de Ortoño está a experimentar unha rexeneración despois de que a Xunta de Goberno Local adxudicara a finais do ano pasado este proxecto á empresa MERAKI CR SL por un importe total de 268.155,30 euros (IVE incluído). Este proxecto forma parte do POS+2022 e inclúe a construción dunha pista de patinaxe e unha explanada pensada para a realización de diversos tipos de eventos e feiras, así como por se é necesaria para facer algún tipo de curso de seguridade viaria.
O obxectivo deste proxecto é devolverlle a vida a unha infraestrutura que data do ano 1993 e que leva varios anos en desuso. Deste xeito, as obras de rexeneración modifican o uso que se lle daba ata agora ás instalación mediante a construción dunha pista polideportiva, outra para a práctica de patinaxe, e traballos de pavimentación e asfaltado no espazo restante.
As obras están na fase final e pronto rematarán. Este proxecto súmase ao campo de lanzamento creado para a práctica do atletismo no antigo campo de fútbol de Biduído. Esta semana o alcalde de Ames, Blas García, o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, e a concelleira de Deportes, Susana Señorís, achegáronse ata Ortoño para comprobar como se están a desenvolver os traballos nestas instalacións. Estiveron acompañados do técnico municipal, Esteban de la Fuente, de varios veciños de Ortoño e de representantes da empresa concesionaria da obra.
O alcalde de Ames, Blas García, destaca que “esta actuación vai facer do vello campo de Ortoño, que leva en desuso dende hai varios anos, un recinto versátil para poder realizar multitude de eventos e actividades. Ser o concello máis novo de Galicia e o único que medra, fai que teñamos unha crecente demanda de espazos á que temos que dar resposta”.
Por outra banda, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, explica “esta obra súmase a recente mellora nos pavillóns polideportivos e o ao importante investimento que se realizou no campo de lanzamento de Ventín. Dende o Concello de Ames buscamos dar resposta á crecente demanda de espazos e infraestruturas deportivas que a nosa veciñanza nos demanda”.
Pista de patinaxe e explanada para eventos
Por unha banda, construíuse unha pista polideportiva e outra destinada fundamentalmente á disciplina da patinaxe con acabado en formigón pulido. De forma anexa a esas pistas hai unha explanada formada por un triplo tratamento asfáltico para ser utilizada tanto para a realización de actividades/cursos de seguridade viaria, como para diversos tipos de eventos e feiras.
O proxecto contempla tamén a mellora do acceso rodado ao recinto. Para iso, executouse una nova apertura no muro de bloque de formigón de pechamento exterior existente. Colocarase un novo portalón de acceso e un viario coa mínima pendente para chegar á cota do campo.
Para levar a cabo as obras de aglomerado da explanada e aglomerado da pista de patinaxe, executouse en primeira instancia o despexe e roce de toda a superficie afectada, continuando coa escavación do terreo ata a nivelación da superficie que permitise dispoñer dunha explanada.
Para a execución da pista de patinaxe/multideporte realizouse unha soleira armada de formigón HA-25 de 15 centímetros de espesor con acabado pulido, que se asentou sobre 15 centímetros de grava. No caso da explanada aglomerada empregouse o mesmo paquete que no viario de acceso, con 35 centímetro de ZA e 5 centímetro de MBC.
Finalmente, executarase a sinalización horizontal da explanada aglomerada destinada tanto á celebración de eventos como á realización de probas de circuíto para a obtención do permiso de circulación, e a sinalización da pista de patinaxe, dispoñendo tanto as liñas correspondentes que delimiten a superficie de patinaxe como a superficie de pista multideporte, segundo a normativa vixente.
Os traballos destas dúas actuacións principais complementaranse cunha nova conexión de liña de alumeado para os antigos vestiarios e para as luminarias do antigo campo de fútbol, cunha nova conexión de abastecemento municipal de auga para os antigos vestiarios e coa substitución das carpinterías exteriores.
Novas relacionadas:
Lindeiros: "Patinando no campo de fútbol"
La Voz de Galicia: "Ames ultima una pista de patinaje y una explanada para eventos en Ortoño"