Pestanas principais

Éxito da sexta convocatoria do espazo de radio cidadá organizado por Ames Radio

Venres, 23 de xuño de 2023

A pasada semana pechouse a sexta edición da radio cidadá, unha iniciativa na grella da emisora municipal, Ames Radio, que naceu co obxectivo de invitar á veciñanza do concello e da contorna a contar cun espazo radiofónico propio. Nesta convocatoria, que deu comezo na última semana de outubro e que se desenvolveu ao longo de oito meses, presentáronse un total de trece programas (dos cales dez xa foran emitidos en edicións pasadas, mentres que outros tres son de nova incorporación). Neles abordáronse diversos temas, como a música, a saúde ou a economía.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Comunicación, puxo en marcha un ano máis o proxecto Radio Cidadá, co que a emisora municipal abre as súas portas á cidadanía amesá e da contorna para conducir os seus propios programas. Esta edición, que se pechou a pasada semana, acadou un gran éxito de participación: mantivéronse dez dos programas que xa se emitiran en anteriores convocatorias e agregáronse outros tres.

Deste xeito, renovaron unha tempada máis Tangos de la esquina sur, Vivirmos nun mundo finito, Las carabelas del siglo XXI, Exército mekemeke, Palabras que refrescan, De museo, Vaide retro, Miradas, Espazo brétema e O protocolo é para todos. Todos eles son programas xa coñecidos pola audiencia de Ames Radio e consolidados na emisora.

Doutra banda, os ouvintes puideron gozar de distintas novidades: Contos económicos, conducido polo economista Paula Calvo e a física Anna R. Figueiredo, no que se compartiron curiosos datos económicos; Loca yo, que aproximou á veciñanza á saúde mental e ao feminismo; e Apuesta por el Rock&Roll con Chelsea Runaway, programa no que se recorreu o mundo da música rock e rockabilly creada en Galicia, ofrecendo entrevistas con artistas e facendo un repaso polos concertos e festivais da comunidade.

Seis dos programas puideron escoitarse semanalmente, outros catro quincenalmente; e tres das propostas emitíronse mensualmente.

Os compoñentes do Exército Mekemeke, programa da radio cidadá

Multimedia

  • Éxito da sexta convocatoria do espazo de radio cidadá organizado por Ames Radio
  • Éxito da sexta convocatoria do espazo de radio cidadá organizado por Ames Radio
  • Éxito da sexta convocatoria do espazo de radio cidadá organizado por Ames Radio
  • Éxito da sexta convocatoria do espazo de radio cidadá organizado por Ames Radio