Pestanas principais

Éxito da XVI edición do Festival de Maxia de Ames “Festimax”

Luns, 25 de outubro de 2021

A maxia e a ilusión fixeron parada en Ames esta fin de semana. Ao longo de tres intensas xornadas a cativada, a rapazada e a cidadanía, en xeral, puido gozar do talento de prestixiosos magos galegos e internacionais cun total de seis galas e catro obradoiros de maxia. O aforo, xa sen limitacións por mor da COVID-19, completouse en todas as sesións. Os e as amesás responderon positivamente a unha nova edición marcada por espectáculos de gran calidade, moi variados e para todos os públicos.

As salas da Casa da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro volveron vibrar coas risas e os aplausos da XVI edición do Festimax. A cita máis emblemática do outono amesá, volveu a Ames o pasado venres 22 de outubro cargada de números de ilusionismo, sorpresas de impacto, números de cartomaxia e moito humor.

A XVI edición do Festimax comezou na Casa da Cultura de Bertamiráns coa “Gala Máxica Infantil” co espectáculo “ZAS-CA-TA-PLAS”. Sarapín aterrou en Ames dende Melilla co obxectivo claro de demostrar que a risa e a ilusión non entenden de idade. Sarapín cautivou aos máis pequenos e aos non tan pequenos co seu espectáculo cheo de humor, maxia e moito ritmo.

A continuación chegou a quenda de Dani Ortiz, protagonista da “Maxia de preto”. Co seu espectáculo “100%DaOrtiz”, o malagueño sorprendeu aos asistentes coas súas rutinas dinámicas e imprevisibles, co seu sentido do humor e coa súa técnica exquisita. Ortiz chegou a Ames coa sona de ser un dos mellores cartomagos do mundo enteiro e vaise da Maía tras conseguiron que moitos amesás se namoraran da maxia.

Coas salas cheas pola fin das restricións chegou o prato forte da presente edición do Festimax. A Gala Máxica ofreceu dúas sesións de “O Percorrido Máxico” na xornada do sábado en Bertamiráns e outras dúas sesións de “Viaxe pola ilusión” o domingo no Milladoiro.

A Gala Máxica estivo presentada polo artista polifacético Luis Boyano. O da Cañiza conduciu cos seus trucos, a súa sorna e o seu bo facer unha gala repleta de figuras tanto da maxia galega como da internacional. O primeiro en subirse ao escenario foi Didak, o catalán marabillou aos amesás cun número cargado de grandes ilusións, sorpresas impactantes e unha gran posta en escena onde a luz e o son tiveron un gran protagonismo.

Tras a frescura de Didak saíu á palestra o ilusionista Fernando Arribas. Tras unha longa traxectoria no mundo da maxia Arribas conta cun estilo moi diferente e particular, froito de mesturar a maxia e os xogos de palabras. Música, poesía, humor, maxia, ilusión e moita participación do público foron os ingredientes do segundo número da tarde.

De seguido a chinesa Huang Zheng conseguiu cunha delicada, fermosa e orixinal posta en escena meterse ao público amesá no peto. O seu espectáculo foi pura poesía visual, onde co seu talento e habilidade transportou aos asistentes ao marabilloso mundo da maxia oriental, un mundo de gran beleza estética e incribles efectos. Un pequena mostra de porqué maga orixinaria de China foi premiada en numerosos festivais de todo o mundo.

O broche de ouro púxoo o mago e cómico francés, Jimmy Delp. “O mago laranxa”, como el se fai chamar, revolucionou as salas de Bertamiráns e do Milladoiro cun número que rompe co visto ata o de agora no mundo da ilusión. O francés meteuse no seu traxe laranxa e converteuse nunha personaxe que semellaba saida dunha serie de debuxos animados ao que lle acontecían todo tipo de tolemias. Un número cómico, ilusionista e con pinceladas de ventriloquia que abraiou a todos/as amesás.

Obradoiros de maxia
Un ano máis o Festival de Maxia continuou co seu obxectivo de achegar a maxia á rapazada a través da formación e a aprendizaxe. Nacho Samena e Brandan foron os encargados de impartir os obradoiros que se desenvolveron o sábado e o domingo na  Casa da Cultura de Bertamiráns e na Casa de Cultura de Milladoiro.

O lucense Nacho Samena é especialista en empregar obxectos de uso cotiá nos seus espectáculos. A rapazada amesá aprendeu da súa man como facer os seus primeiros trucos cos obxectos que os rodean.

Por outra banda, Brandan chegou dende Sarria para transmitir os seus coñecementos máxicos aos cativos e cativas de Ames. Brandán conta cun estilo moi persoal que mestura humor e maxia a partes iguais e que sorprendeu aos asistentes.

Éxito da XVI edición do Festival de Maxia de Ames “Festimax”

Multimedia

  • Éxito da XVI edición do Festival de Maxia de Ames “Festimax”
  • Éxito da XVI edición do Festival de Maxia de Ames “Festimax”
  • Éxito da XVI edición do Festival de Maxia de Ames “Festimax”
  • Éxito da XVI edición do Festival de Maxia de Ames “Festimax”
  • Éxito da XVI edición do Festival de Maxia de Ames “Festimax”
  • Éxito da XVI edición do Festival de Maxia de Ames “Festimax”
  • Éxito da XVI edición do Festival de Maxia de Ames “Festimax”
  • Éxito da XVI edición do Festival de Maxia de Ames “Festimax”