- Tematica
O programa de verán “Seráns de Ames” estase a converter nunha das iniciativas con maior afluencia de público da programación municipal de verán. Este programa combinou espectáculos musicais, con actividades de danza, novo circo, monicreques e monólogos. As sete sesións dos “Seráns de Ames” celebráronse en Tapia, Bugallido, Biduído e Agrón. Deste xeito, trátase de achegar a programación municipal ás parroquias do rural de Ames. Este programa terá continuidade co obxectivo de entreter e achegar diversos espectáculos culturais á veciñanza amesá durante as tardes de verán. Premendo nesta ligazón pódese acceder a unha galería con fotografías das sesións dos Seráns de Ames 2024.
O programa de verán “Seráns de Ames” comezou a celebrarse no ano 2021 baixo a denominación de “Seráns de Tapia”. O ano seguinte, en 2022, o programa ampliouse á parroquia de Bugallido e pasou a chamarse “Serráns de Ames”. Este ano incrementáronse dúas parroquias máis: Biduído e Agrón; co obxectivo de achegar dita programación ao maior número posible de veciños e veciñas de Ames.
Esta iniciativa está organizada polos departamentos de Bibliotecas, Mocidade, Cultura e Normalización Lingüística. Deste xeito, este verán organizaron un conxunto de oito actividades que se celebraron na praia fluvial de Tapia e nos campos da festa de Bugallido, Biduído e Agrón. Os espectáculos programados realizáronse os xoves de xullo e agosto pola tarde.
O alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García, pon en valor este programa que “trata de achegar a festa e a cultura ao rural do concello. Este ano incorporáronse dúas novas localizacións; Biduído e Agrón, que funcionaron moi ben, xa que houbo unha boa afluencia de público nas sesións programadas nestas parroquias. A intención é incluír novas localizacións do rural en vindeiras edicións. Nesta edición ofreceuse unha programación moi variada, con oferta para todos os públicos, que incluíu artistas tanto de Ames como da contorna”.
Programación dos Seráns de Ames 2024
As actividades desta edición comezaron o xoves, 4 de xullo, na praia fluvial de Tapia co pregón inaugural da programación, que realizou a escritora e xornalista amesá Paula Señarís, e coa actuación do grupo Maianas. O concerto de Sr. Salvaje estaba previsto para o xoves 11 de xullo, pero houbo que adialo por choiva e celebrouse o martes, 30 de xullo, no campo da festa de Biduído. Ademais, o espectáculo de danza-circo “A vida tola de Pajarito” representouse o xoves, 18 de xullo, no campo da festa de Bugallido.
Por outra banda, no mes de agosto houbo catro sesións dos “Seráns de Ames”. O xoves 1 realizouse na praia fluvial de Tapia a sesión “Xogos do Paporrubio” e tamén se representou o espectáculo de monicreques “Varietés do Animalario”. De seguido, o xoves 8 o campo da festa de Agrón acolleu o espectáculo de versións musicais de “A banda de Nash”. As actividades en Bugallido remataron o xoves 22 na carballeira coa Foliada do programa Apego, que incluíu a actuación musical de Pablo Díaz e Olga Kirk. Por último, a programación pechouse o xoves 29 na praia fluvial de Tapia co espectáculo do monologuista Manolo Boquete.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Rematan os Seráns de Ames, que ambientaron o verán con música, danza, circo, monicreques e monólogos"