- Tematica
O Concello de Ames, a través do departamento de Normalización Lingüística, organiza un ano máis os Premios Lingua e Empresa, que promoven o uso da lingua galega no ámbito empresarial local. Nesta ocasión triplicouse a participación con respecto a edicións anteriores, e foron 26 as empresas de distintos lugares do municipio que se presentaron a esta convocatoria. Dúas delas recoñeceranse con premios de 1500 euros e unha campaña publicitaria en Ames Radio, a emisora municipal.
Os premios Lingua e Empresa naceron co obxectivo de promover o uso do galego na actividade económica do Concello de Ames, concretamente no ámbito empresarial e comercial. Así, ao longo das súas catro edicións foron recoñecidas e premiadas numerosas empresas do municipio que contribuíron ao emprego e difusión da lingua galega tanto na súa comunicación interna como de cara á clientela.
Este ano presentáronse ao certame un total de 26 empresas, unha cifra que triplica a participación da edición anterior. A convocatoria ten dúas categorías: na primeira delas concorreron negocios que fan un uso consolidado e estable do galego (dende fai máis de dous anos) e, na segunda, participaron empresas que naceron nestes dous últimos anos ou que incorporaron a lingua galega na súa comunicación nese mesmo período. A dotación económica será de 3.000 euros en total, 1.500 para cada unha das categorías. Ademais, o premio inclúe unha campaña de difusión en Ames Radio, a emisora municipal.
Composición do xurado
Nesta ocasión, o xurado está formado por Adrián Cunha Veira, de Pixelin Photo, como representante das empresas gañadoras na pasada edición; Miguel López Crespo, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), en nome dos consumidores e consumidoras; e Rocío Loureiro Abalo, graduada en Lingua e Literatura Galega e especialista en Normalización Lingüística. A técnica do departamento de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, actuará como secretaria en representación do Concello de Ames.
Este xurado será o encargado de valorar a utilización do galego na comunicación diaria da empresa, tanto oralmente como por escrito. Así mesmo, terá en conta o impacto que a actividade dos negocios poida ter en sectores especialmente relevantes para o proceso de normalización lingüística.
As empresas gañadoras desvelaranse na Gala Lingua e Empresa o vindeiro 17 de decembro ás 19:00 h, na Casa da Cultura do Milladoiro. Esta gala será un acto aberto ao público no que se pretende poñer en valor o tecido empresarial local xunto co uso do idioma. Ademais, recoñecerase o traballo feito polas empresas gañadoras nesta edición do certame e nas edicións anteriores. No remate da gala serviranse uns petiscos co obxectivo de crear un espazo informal de encontro e de intercambio de experiencias entre as diferentes empresas que teñen presente a lingua na súa política comunicativa.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "O triplo de candidatos nos Premios Lingua e Empresa"