Pestanas principais

Éxito de público na novena edición do Festival de Maxia do Concello de Ames

Luns, 15 de decembro de 2014

[15-12-2014] A novena edición do Festival de Maxia do Concello de Ames, que se desenvolveu durante o sábado 13 e o domingo 14 de decembro, tivo unha gran afluencia de público. O primeiro día de venda de entradas anticipadas ao público esgotáronse os pases para acudir á Gala Máxica, que se celebrou nas casas da cultura do Milladoiro e de Bertamiráns. Ademais, as actividades de rúa que se desenvolveron nos bares e nas prazas de Bertamiráns e do Milladoiro tiveron moi boa acollida entre a veciñanza amesá. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, achegáronse ata a Casa da Cultura de Bertamiráns para gozar deste festival.

Espectáculos para todos os públicos no Milladoiro e Bertamiráns
O sábado, 13 de decembro, a Casa da Cultura do Milladoiro acolleu de 11:00 a 12:30 horas un obradoiro de maxia para nenos e nenas de entre 8 e 14 anos. A continuación tivo lugar a iniciativa denominada “Maxia de Preto”, que consistiu en pequenas actuacións e xogos de maxia nalgúns establecementos hostaleiros do Milladoiro. Estes espectáculos estiveron dirixidos a todos os públicos.

Pola tarde, a “Carpa do misterio” estivo instalada na praza Manuel Murguía do Milladoiro, onde, entre as 16:00 e as 18:30 horas, houbo funcións cada trinta minutos. Por último, ás 18:30 horas, pequenos e adultos puideron gozar da “Gala máxica”, que presentou o Mago Rafa e contou coa participación de Nuel Galán, G-Alexander, Brando e Silvana, Mag Marín e Dani Polo.

O domingo, 14 de decembro, a programación trasladouse -mantendo os mesmos horarios- á localidade de Bertamiráns. Tralo obradoiro de maxia na Casa da Cultura, iniciouse a iniciativa “Maxia de preto” en distintos bares de Bertamiráns. Á tarde, a “Carpa do misterio” instalouse na praza da Maía, e a “Gala máxica” celebrouse na casa da cultura.


A concellaría de Cultura organizou un amplo programa con espectáculos para todos os públicos. Realizaranse obradoiros gratuítos para os máis pequenos e actuacións tanto en establecementos hostaleiros como baixo as carpas situadas na praza Manuel Murguía, no Milladoiro, e na praza da Maía, en Bertamiráns.

Os protagonistas desta edición foron os magos Rafa, Nuel Galán, G-Alexander, Brando e Silvana, Mag Marín e Dani Polo. A concelleira de Cultura, Eugenia Martín, cualificou de “éxito rotundo” a afluencia de público a este evento, que ten como obxectivo difundir e gozar da maxia. A edil amesá destacou o alto nivel dos ilusionistas que acudiron a esta xa tradicional cita coa maxia en Ames. Ademais, a concelleira asegurou que este ano “a programación foi mellor que noutras edicións e o público estaba ansioso por mercar os pases. Sempre se venderon moi ben, pero nunca con tanta rapidez coma este ano”.