- Tematica
O alumnado de kárate Dokkodo, en Ames, participou o pasado sábado, 15 de abril, na terceira xornada da liga, celebrada en O Barco. Acudiron catro deportistas en diversas categorías, Raúl Rodríguez, Jadel Rodríguez, Xián Blanco e Tiago Blanco, que demostraron un gran nivel e acadaron tres podios.
Raúl Rodríguez Paulino participou na categoría Kumite Xuvenil Masculino Avanzado <54 kg. O deportista fixo unha espectacular actuación, gañando os dous primeiros combates por 4-0 e 3-0. Así, disputou a final contra o actual campión da categoría. Unha acción de 3 puntos a falta de 2 segundos non subiu ó marcador e privouno da medalla de ouro, e fíxose co segundo posto. O seguinte reto de Rodríguez Paulino será o Campionato Nacional que se celebrará esta fin de semana en Cáceres.
En Kata Alevín Masculino Iniciación participaron Jadel Rodriguez Paulino e Xián Blanco Calvo. Jadel perdeu o primeiro enfrontamento, sen opción á repesca. Xián, pola súa banda, gañou o primeiro combate e perdeu o segundo por un axustado 2-1 contra o que sería o gañador da categoría. A súa actuación valeulle unha praza na repesca e, tras vencer por 3-0 e 3-0 no camiño ata o encontro polo terceiro posto, finalmente, perdeu por 2-1 o último enfrontamento, obtendo o quinto posto.
A continuación foi a quenda do benxamín da expedición, Tiago Blanco Calvo, que tras gañar a pasada xornada da liga en iniciación, participou en Kata Benxamín Masculino Avanzado. Obtivo a medalla de bronce, perdendo na semifinal por un axustado 2-1 contra o campión da categoría.
Logo do kata, foi o turno do kumite. Xián participou en Kumite Alevín Masculino Avanzado <34 kg, perdendo o primeiro encontro contra o que resultaría subcampión da categoría. Na loita pola medalla de bronce, perdeu por 2-3, obtendo de novo a medalla de chocolate.
Finalmente, Jadel, en Kumite Alevín Masculino Avanzado >34 kg, disputou 3 combates contra rivais de gran nivel e que representarán a Galicia no Campionato de España.