Pestanas principais

Éxito do VI Festival de Maxia Ames Máxico

Luns, 19 de decembro de 2011

[19-12-2011] As localidades de Bertamiráns e Milladoiro acolleron durante esta fin de semana un festival de maxia ao que asistiron máis de 400 persoas. Esta actividade organizada pola concellaría de Cultura, Educación e Patrimonio achegou á cidadanía amiense o espectacular mundo dos magos. Cinco ilusionistas sorprenderon e entretiveron a adultos e nenos cos seus trucos de maxia. Na localidade de Bertamiráns o Ames Máxico celebrouse o sábado 17, mentres que no Milladoiro foi o domingo 18. En Bertamitáns participaron en total 182 persoas, 77 adultos e 105 nenos; no Milladoiro participaron 177 persoas, 95 adultos e 82 nenos e nenas, ademais arredor de 50 persoas que non puideron conseguir entrada na Casa da Cultura de Milladoiro por falla de aforo, puideron gozar tamén dun espectáculo máxico, pero no Mago Móbil.


Os adultos aboaron dous euros e os nenos e maiores de 65 anos un euro. Este ano a afluencia foi maior ca nunca, aínda que esta sempre foi unha actividade de gran éxito. En anos anteriores algunhas persoas recollían o seu convite, pero logo non asistían ao espectáculo; nese senso resultou mellor o sistema das entradas. Con todo, o importante é que para os asistentes valeu a pena o espectáculo, xa que así o manifestaban moitas persoas á saída do mesmo. Os adultos marabillados, os nenos, aínda máis.

O sábado e o domingo entre as 11.00 e as 12.00 houbo dous obradoiros de maxia, un en Bertamiráns e outro en Milladoiro, que impartiron os magos Cali e Kiko Pastur. A continuación, entre as 12.30 e as 13.30 horas a maxia continuou na rúa e no Mago Móbil. Pero a actividade estrela chegou pola tarde. A cita de máis afluencia chegou ás 18.00 horas nos auditorios das casas da cultura de Bertamiráns e Milladoiro, o sábado na primeira das localidades e o domingo na segunda, co espectáculo "15 ilusións para unha noite" que correu a cargo do mago Martín Varela.