Pestanas principais

Éxito na campaña solidaria de recollida de alimentos organizada pola XEA en colaboración co voluntariado de Ames

Xoves, 18 de xuño de 2020

A campaña solidaria de recollida de alimentos organizada pola XEA, en colaboración co departamento de Voluntariado do Concello de Ames, foi un éxito. O obxectivo principal era recoller produtos infantís como cueiros. Dito obxectivo foi alcanzado con creces tendo en conta que se entregaron aproximadamente 40 paquetes. Ademais, tamén se conseguiron arredor de 110 quilos de alimentos non perecedoiros, quedando de manifesto a solidariedade amesá nestes tempos difíciles.

A Xuntanza de Empresarios de Ames colaborou co departamento de Voluntariado do Concello de Ames, que depende da Concellería de Benestar Social, nunha campaña de recollida de alimentos para o Banco de Alimentos de Ames. Desta maneira, os establecementos adheridos á XEA foron recollendo produtos nas súas instalacións, e o pasado sábado, 13 de xuño, tivo lugar unha gran recollida na praza da Maía, en Bertamiráns.

Pasados os días, toca facer balance da campaña, e este está resultando moi positivo. Xa que a campaña baseábase, sobre todo, na recollida de alimentos e produtos non perecedoiros, tendo máis urxencia produtos infantís como cueiros, toalliñas para bebés ou leite de inicio ou continuación.

Unha urxencia que se ve, en gran parte, solucionada, xa que se conseguiron recoller aproximadamente 40 paquetes de cueiros infantís, outro tanto de toalliñas para bebés, 110 quilos de alimentos e produtos non perecedoiros, así como gran cantidade de produtos de hixiene tales como champús, xeles, pasta de dentes, etc.

Asemade, o froitería asociada á XEA, Tómate Más Fruta (Bertamiráns), doou aproximadamente 20 quilos de froita, a cal xa se repartiu entre as familias ao tratarse dun produto non perecedoiro que debe consumirse antes.

O presidente da XEA, Jorge López, móstrase satisfeito, xa que “a xente respondeu e puidemos recoller moitos alimentos e produtos nos nosos establecementos asociados, así como na recollida do sábado”. Ademais, Jorge agradece o xesto “a toda a xente que colaborou, porque sempre se pon de manifesto que Ames é un concello solidario”.

 

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Xuntanza de Empresarios de Ames se vuelca con los desfavorecidos y reúne 110 kg de alimentos"

O pasado sábado, 13 de xuño, tivo lugar unha gran recollida na praza da Maía, en Bertamiráns

Multimedia

  • O pasado sábado, 13 de xuño, tivo lugar unha gran recollida na praza da Maía, en Bertamiráns
  • O pasado sábado, 13 de xuño, tivo lugar unha gran recollida na praza da Maía, en Bertamiráns