Pestanas principais

A fachada da Casa do Concello de Ames iluminarase de verde para conmemorar o Día Mundial contra o Cancro

Venres, 03 de febreiro de 2023

Durante a tarde-noite de hoxe, 3 de febreiro, e de mañá, día 4, a Casa do Concello de Ames iluminarase de cor verde para conmemorar o Día Mundial contra o Cancro, que se celebra este sábado. Dende o pasado ano, e ata o vindeiro 2024, o lema da xornada é “Por uns coidados máis xustos”. O slogan ten como obxectivo poñer o foco no acceso igualitario aos tratamentos contra o cancro e na necesidade dunha sanidade pública universal.

A Organización Mundial da Saúde, o Centro Internacional de Investigacións sobre o Cancro e a Unión Internacional contra o Cancro celebran este 4 de febreiro o día en contra desta enfermidade. Cada ano diagnostícanse no mundo máis de 18 millóns de casos novos desta doenza, que provoca arredor de 10 millóns de mortes anuais.

Co obxectivo de apoiar a causa e de animar á cidadanía a actuar contra a enfermidade, a fachada da Casa do Concello tinguirase de verde durante a tarde e a noite de hoxe, venres 3, e de mañá, sábado 4.

O lema da xornada durante os anos 2022, 2023 e 2024 é “Por uns coidados máis xustos”, un slogan que pretende concienciar sobre a necesidade de rematar coa desigualdade de coidados sanitarios e de tratamento do cancro. A campaña fai fincapé nas enormes diferenzas que existen á hora de curar a enfermidade en función das posibilidades económicas de cadaquén e aspectos como a raza e o sexo. Así mesmo, anímase á poboación a loitar por dotar ao persoal sanitario de maior formación e por aumentar os recursos da atención primaria.

Premendo nesta ligazón pódese ver o vídeo da campaña internacional creada pola asociación World Cancer Day para ano 2023, baixo o título “Pechar a fenda de coidados”. Para máis información sobre do Día Mundial contra o Cancro, a campaña deste ano e as iniciativas que se están levando a cabo pódese consultar a páxina web de World Cancer Day.

A Casa do Concello, nunha imaxe de arquivo

Multimedia

  • A fachada da Casa do Concello de Ames iluminarase de verde para conmemorar o Día Mundial contra o Cancro
  • Embedded thumbnail for