Pestanas principais

A Factoría abre as súas portas a novas agrupacións despois dun ano de renovación

Mércores, 03 de xullo de 2024

O Concello de Ames dispón dun local municipal onde os grupos musicais do concello poden ensaiar. Trátase de A Factoría, que está situada na parroquia de Biduído. Na actualidade, ata o 15 de xullo, está aberto o prazo para que os músicos e músicas de Ames, que xa empregan estas instalación, poidan renovar a solicitude de uso do local municipal A Factoría. O horario de ensaio do local para todos os días da semana é de 10.00h a 22.00 horas, sempre e cando non interfira en actividades organizadas polo propio Concello. Os grupos dispoñen de ata tres horas consecutivas á semana para ensaiar. Na actualidade, 14 agrupacións musicais fan uso destas instalacións, que pouco a pouco a través de varias melloras, vai aumentando a demanda de novos usuarios/as. Durante o último trimestre de 2023 realizáronse melloras nas instalacións e adquiriuse novo equipamento. En ditas melloras investíronse 17.797,04 euros.

Actuacións na Factoría
O departamento de Xuventude ten a disposición dos grupos musicais do concello un equipamento municipal co obxectivo de facilitar un espazo para o ensaio musical da cidadanía do concello, fomentar a práctica musical da mocidade de Ames e contribuír a unha maior formación musical e técnica dos grupos que fan uso deste equipamento. Para mellorar ditas instalacións e equipamentos, durante os tres últimos meses de 2023 realizáronse diversos traballos de mellora na Factoría co obxectivo de que sexa máis acolledora para os seus usuarios/as.

En ditas melloras investíronse 17.797,04 euros. De dito importe, 15.000 euros foron sufragados con cargo ao Plan Ames Progresa e o importe restante con fondos propios da Concellaría de Mocidade. Deste xeito, executáronse melloras en equipamento e tamén en canto ao illamento do local. No interior do edificio executáronse traballos de pintado e adquiriuse novo mobiliario. Habilitouse unha pequena zona de descanso/ocio para a mocidade que emprega dito local e renovouse a decoración das paredes interiores do local.

No exterior do edificio, cambiáronse varias ventás para mellorar o illamento do local e procedeuse ao cercado de ventas exteriores, así como o investimento de pranchas de aluminio. Tamén se realizou unha limpeza da fachada exterior e restaurouse o mural exterior, xa que debido ás inclemencias meteorolóxicas estaba deteriorado.

En canto ao material, adquiriuse un deshumidificador para eliminar a humidade existente no edificio e adquiriuse novo equipamento musical. Cómpre destacar a adquisición dunha mesa de mesturas para DJ e dun sistema de gravación (unha tarxeta de son ou interface de audio). Ata o de agora os grupos musicais que empregan A Factoría tiñan a posibilidade de ensaiar, pero agora tamén poderán facer gravacións sinxelas.

A concelleira de Mocidade, Carmen Porto, explica que “A Factoría é un lugar de ensaio para os grupos musicais de Ames, pero ademais serve como punto de xuntanza para as nosas mozas e mozos. Por iso executamos varias melloras co obxectivo de que sexa un local máis acolledor. Ademais, na sala anexa ao local de ensaio creouse un espazo de encontro para a mocidade e para o intercambio de experiencias coa finalidade de promover un ocio xuvenil creativo, organizar eventos coa mocidade e difundir entre a cidadanía os aspectos positivos da cultura musical da xente nova”.

Aprobación inicial do regulamento
Por outra banda, no pleno ordinario de maio quedou aprobado de xeito inicial o novo regulamento municipal de uso da Factoría, que dende o 2020 viña funcionando de maneira interna, pero sen un instrumento regulamentario. Dito regulamento está en exposición pública durante 30 días hábiles, a efectos de exame e reclamacións mediante a súa publicación no BOP número 111, do 10 de xuño de 2024, así como no taboleiro de edictos do Concello e no Portal de Transparencia. De non presentarse reclamacións, a aprobación inicial quedará elevada a definitiva de forma automática.

Obradoiro de son
Ademais de empregarse para ensaiar, A Factoría serve para acoller diversas actividades como o obradoiro de son que se impartiu os días 27 e 28 de decembro de 2023. Deste xeito, o departamento de Xuventude organizou por primeira vez unha máster class musical relacionada coa produción e gravación. Ademais, este obradoiro permitiu amosar as novas posibilidades que ofrece o material técnico para facer gravacións sinxelas por parte dos grupos de música que xa ensaian no local ou que nun futuro se poidan interesar nel. Nesta primeira edición do obradoiro, dirixido a rapaces e rapazas a partir de 14 anos, participaron 10 persoas.

Renovación de uso e procedemento de alta
Na actualidade, ata o 15 de xullo, está aberto o prazo para que os músicos e músicas de Ames que empregan estas instalación, poidan renovar a solicitude de uso do local municipal A Factoría. As persoas usuarias do local que queiran seguir utilizándoo, deben enviar dentro do prazo establecido a súa solicitude de renovación cumprimentada e asinada ao enderezo xuventude@concellodeames.gal. En caso de non renovar no prazo establecido, procederase á baixa no uso do local. Na actualidade, 14 agrupacións musicais fan uso desta instalación que pouco a pouco a través de varias melloras, vai aumentando a demanda de novos usuarios/as.

Calquera agrupación que desexe facer uso do local pode reservalo, sempre que, polo menos, un dos/as seus/súas integrantes estea empadroado no concello de Ames e que o grupo estea dado de alta no censo municipal de artistas do concello. O horario de ensaio do local para todos os días da semana é de 10.00 a 22.00 horas, sempre e cando non interfira en actividades organizadas polo propio Concello. Os grupos dispoñen de ata 3 horas consecutivas á semana para ensaiar. Para resolver calquera dúbida ou consulta poden contactar con Xuventude Ames a través do enderezo de correo electrónico xuventude@concellodeames.gal.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "A Factoría de Ames abre as portas a novas agrupacións despois dun ano de renovación"

A Factoría abre as súas portas a novas agrupacións despois dun ano de renovación

Multimedia

  • A Factoría abre as súas portas a novas agrupacións despois dun ano de renovación
  • A Factoría abre as súas portas a novas agrupacións despois dun ano de renovación
  • A Factoría abre as súas portas a novas agrupacións despois dun ano de renovación
  • A Factoría abre as súas portas a novas agrupacións despois dun ano de renovación
  • A Factoría abre as súas portas a novas agrupacións despois dun ano de renovación