- Tematica
A praza de Chavián, en Bertamiráns, acolleu onte a festa e o concurso infantil de disfraces como parte da programación “Entroido Ames 2024”, organizada en colaboración coa asociación Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA). Durante a celebración, que contou cunha actuación musical a cargo de Pesdelán, repartíronse máis de 600 euros en premios. Premendo nesta ligazón podes acceder á galería de fotografías da programación "Entroido Ames 2024".
O Concello de Ames celebrou onte, 12 de febreiro, a festa e o concurso infantil de disfraces como parte da programación municipal de entroido. Durante o evento, no que houbo música e obradoiros de maquillaxe, actuou o grupo Pesdelán co seu espectáculo Entroidanzas.
O xurado encargado de escoller aos gañadores estivo formado por Elena Pérez, representante das ANPAS municipais; Adrián Cunha e Laura Vieites, de Pixelin; e Carlota Mera, de Tecidos Tolemia.
Premiados nas dúas categorías
Na categoría individual houbo un total de 22 inscricións. O primeiro premio de 75 euros foi para a parella Sargadelas, que o recibiron da man de Jorge López, presidente de XEA. O segundo premio, de 50 euros, recaeu en Pequena Raíña Isabel II. Foi entregado por Oliva Agra, voceira do Partido Popular de Ames. O terceiro premio, de 25 euros, foi para a Maga Bri, que o recibiu das mans de Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica.
Na categoría de grupos participaron 8 agrupacións, a maioría formadas por entre 5 e 6 persoas. Neste caso, os 250 euros do primeiro premio foron para os integrantes de Fago Flash e aparezo ao teu lado. Este premio foi entregado polo alcalde de Ames, Blas García. O segundo premio, de 150 euros, foi para Colmena, e o encargado de entregalo foi o voceiro do Bloque Nacionalista Galego de Ames, David Santomil. Finalmente, os 75 euros do terceiro premio foron para As olímpicas do Val da Maía, que o recibiron das mans da xerente de XEA, Beatriz López.
A programación “Entroido Ames 2024” pecharase o domingo, 25 de febreiro, co concurso e desfile que se fará no Milladoiro. Estaba previsto para este pasado domingo, 11 de febreiro, pero cambiouse de data debido á previsión meteorolóxica.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Sargadelas y Fago flash ‘arrasan’ en la fiesta de Bertamiráns a la espera del cocido senior"