- Tematica
As familias que se poidan beneficiar da actividade do novo Servizo de Atención Temperá (SAT) de Ames están sendo xa contactadas para tratar a súa incorporación ao servizo. O persoal, que traballa dende o luns 17 nas súas novas instalacións, situadas nas Galanas, está a concertar citas para realizar as entrevistas iniciais ás familias, coas que se concretarán as necesidades das crianzas e a compatibilidade horaria. Este martes 25, representantes dos Concellos de Ames e Teo reuníronse para pechar os últimos detalles da prestación do servizo.
O Servizo de Atención Temperá dá nestes días os seus primeiros pasos para comezar a incluír á cativada amesá, despois de que o convenio para a súa posta en marcha fora firmado de maneira conxunta polos Concellos de Ames e de Teo no pasado mes de outubro.
O equipo de profesionais do SAT, que xa traballa con 24 nenos e nenas de Teo, está a contactar ás familias amesás que poden beneficiarse do servizo. Estas chegan derivadas de listaxes de centros de saúde e de ensino, dos propios servizos sociais municipais, ou ben da unidade de atención temperá do Hospital Clínico Universitario de Santiago, ao que ata o de agora acudían as crianzas ao non contar con este servizo a nivel municipal.
Deste xeito, o persoal establecerá entrevistas iniciais coas familias, coa intención de ter unha toma de contacto inicial e concretar as necesidades das nenas e nenos, así como a compatibilidade e dispoñibilidade horaria. Disporase que tipo de tratamento precisan as crianzas, e tratarase de adaptar os horarios de tal xeito que se poida prestar o servizo á cativada de ambos concellos.
O SAT xa traballa dende as súas novas instalacións dende o pasado luns 17, situadas na travesía das Galanas, un punto que malia estar no termo municipal de Teo é próximo e de acceso rápido aos dous núcleos de maior poboación de Ames, en especial ao Milladoiro. O novo local conta con tres grandes espazos diferenciados, cunha sala para a terapia ocupacional e dous despachos, dedicados á logopedia e á psicoloxía.
Nova reunión da Comisión Mixta de Coordinación do SAT
Mentres comezan a incorporarse as primeiras familias amesás ao servizo, os departamentos de Servizos Sociais de ambos Concellos traballan para pechar e regular o catálogo de condicións de prestación do SAT. Este mesmo martes 25, Ames e Teo reuníronse na Comisión Mixta de Coordinación do servizo, no que debateron e comezaron a perfilar os criterios e o baremo para establecer as listas de agarda, no caso de que foran necesarias.
Unha vez pechados estes criterios e o catálogo de prestación de servizos, os acordos terán que ser aprobados en sesión plenaria, tal e como se estableceu no convenio asinado por ambas institucións municipais.
Datos de contacto e localización
O Servizo de Atención Temperá, posto en marcha de maneira conxunta entre os Concellos de Ames e Teo, ten as súas instalacións no enderezo Travesía das Galanas, 67, 1º andar (Teo), no que ofrece servizos de psicoloxía, logopedia e terapia ocupacional. Os números de teléfono de contacto son o móbil 604 014 894 e o fixo 881 023 475.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Atención temperá comeza a contactar coas familias"
Compostela 24 Horas: "As familias de Ames comezan a incorporarse ao novo Servizo de Atención Temperá municipal"