Pestanas principais

Feminismo e ruralidades da man da exposición fotográfica EspadELA

Mércores, 23 de outubro de 2024

Antonte, 21 de outubro, inaugurouse no Pazo da Peregrina de Bertamiráns a exposición de fotografía EspadELA, unha mostra sobre feminismos e ruralidades impulsada pola cooperativa Arabías, que chega ao concello de Ames da man da Concellaría de Benestar Social. Está composta por unha escolma de arredor de 40 retratos grupais e individuais nos que as mulleres que participan expresan temas de interese como as diversidades, a relación co territorio, os activismos, a comunidade, os coidados das persoas maiores e dependentes, da terra ou da cultura e do patrimonio inmaterial. As participantes son dos concellos de Ames, Arzúa, Boiro, Brión, Carballo, Ordes, Touro ou Santiago de Compostela. Estará no Pazo da Peregrina ata o vindeiro 31 de outubro. 

Esta exposición é unha iniciativa da cooperativa Arabías na que se trenzan os corpos, as voces e as palabras de 58 mulleres a través dun proceso de construción colectiva. Estas imaxes pretenden expresar as múltiples realidades que habitan nos contextos rurais galegos apoiándonos na mirada dos feminismos. Así, esta escolma de retratos transmite o que pode ser o común do territorio e as mulleres diversas que o arroupan.

Nesta exposición, composta por unha escolma de retratos grupais e individuais (arredor de 40), varias mulleres rurais falan sobre cuestións como as diversidades, a relación co territorio, os activismos, a comunidade, os coidados das persoas maiores e dependentes, da terra ou da cultura e do patrimonio inmaterial. Todos estes elementos están tratados dende a perspectiva feminista a partir da participación activa das súas protagonistas. As mulleres que participaron son dos concellos de Arzúa, Boiro, Brión, Carballo, Ordes, Touro, Santiago de Compostela ou Ames, onde colaboraron varias veciñas pertencentes á asociación veciñal O Reguiño e Casanova.

Ademais, aquelas persoas que visiten a mostra poderán escoitar varias destas experiencias nas voces das súas protagonistas, pois hai códigos QR a través dos que se poden escoitar en primeira persoa as testemuñas das mulleres que participaron no proxecto. Así, poderán escoitar a Marisol, de Frades; Fina, Maria José e Manola, de Raíces (Biduído); ou a Esperanza, do Casal, entre outras.

A fotógrafa detrás da cámara
Charo Lopes é veciña da comarca do Barbanza. Xornalista e fotógrafa especializada en retrato, envolveuse no trenzado entre as diferentes participantes do proxecto, procurando unha representación próxima e honesta das mulleres nos seus contextos. Cada sesión foi unha celebración, un xogo no que compartir froita, no que aprender a colocarse na postura da dignidade e no que a forza e sororidade se proxectaron para alén das luces e cores do particular.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Feminismo en Ames a través de retratos de mulleres rurais"

El Correo Gallego: "Ames pendura preto de 40 retratos sobre feminismo e ruralidade na mostra EspadELA"

Feminismo e ruralidades da man da exposición fotográfica EspadELA

Multimedia

  • Feminismo e ruralidades da man da exposición fotográfica EspadELA
  • Feminismo e ruralidades da man da exposición fotográfica EspadELA
  • Feminismo e ruralidades da man da exposición fotográfica EspadELA
  • Feminismo e ruralidades da man da exposición fotográfica EspadELA
  • Feminismo e ruralidades da man da exposición fotográfica EspadELA
  • Feminismo e ruralidades da man da exposición fotográfica EspadELA