Esta semana desenvolverase no concello de Ames a terceira edición do Festival Internacional de Cine Infantil de Ames, o único certame de cine dirixido a público infantil e familiar celebrado en Galicia. Entre o 11 e o 15 de decembro, alternando os auditorios de Bertamiráns e do Milladoiro proxectaranse máis de 50 curtametraxes, moitas delas galegas e españolas, máis tamén pezas chegadas dende outros países europeos, China ou Brasil. Un completo programa con filmes divididos por idades (haberá sesións para maiores de 2 e sesións para maiores de 7 anos) que quere espertar na rapazada unha conciencia crítica e valores de solidariedade e multiculturalidade fronte as artes e o mundo.
Ademais das proxeccións, o Festival Internacional de Cine Infantil de Ames contará cun valioso catálogo de actividades paralelas, pensada para facer agromar nos nenos e nenas o interese polo cine e estimular a súa imaxinación. Así, a programación inclúe unha mesa redonda titulada A importancia do audiovisual e as TIC como ferramentas educativas, dirixida a nais, pais e educadores interesados na utilización do cine e as TIC como métodos de aprendizaxe dentro e fóra das aulas, que terá lugar o mércores, ás 19.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.
Tamén se poderá gozar de curtametraxes especiais fóra de concurso, como as da produtora galega OQO, a Festa dos videoclips e a escolma de pezas exhibidas no festival convidado, o Ficbueu. Ademais, a gran novidade desta terceira edición é un dobre taller de stop motion, a cargo do director de cine máis importante co que contamos en Galicia nesta técnica e pioneiro a nivel nacional e europeo: Fernando Cortizo.
Fernando Cortizo é director e guionista, autor dunha ducia de curtametraxes, tanto en imaxe real como de animación e fundador de Artefacto Producciones. En 2009 comezou a produción da súa primeira longametraxe, O Apóstolo, a primeira película europea en stop motion estereoscopio. Con ela obtivo en 2012 o nomeamento ao Goya á Mellor Película de Animación, ademais do recoñecemento internacional. Xunto a el estará Isabel Rey, tamén membro de Artefacto e produtora executiva do filme O Apóstolo, alén de pintora.
Durante o obradoiro, rapaces de 7 a 12 anos descubrirán a técnica do stop motion. Esta arte cinematográfica consiste en crear a sensación de movemento a través da sucesión de fotografías. Para isto, os participantes moldearán os seus propios personaxes e crearán unha escena fotograma a fotograma, dando vida a unha pequena película de animación coas súas propias mans.
Ao tratarse dunha técnica artesanal e multidisciplinar, permítelles explorar diversos campos como son o modelado, a pintura e a fotografía, o que a converte nunha estupenda ferramenta para a expresión e o exercicio da imaxinación.
Os obradoiros de stop motion terán lugar o sábado 14 na Casa da Cultura de Bertamiráns e o domingo 15 na Casa da cultura do Milladoiro. Ambos entre as 11.00 e as 12:30 horas. Todos os nenos e nenas que desexen participar deberán ter unha idade comprendida entre os 7 e os 12 anos e realizar unha inscrición previa a través do teléfono 981 53 59 40 / 662 377 444 ou no enderezo electrónico cultura@concellodeames.gal.
O xurado
Fernando Cortizo é ademais membro do xurado, polo que será, xunto a outras dúas profesionais do audiovisual galego, un dos encargados en elixir as curtas gañadoras do festival nas categorías Axóuxeres (+2 anos) e Buxainas (+7 anos). O xurado complétano a artista 3D Belén Sousa quen ten traballado na animación de grandes producións como Maléfica, O Hobbit ou Spiderman; e Eva Mejuto, escritora de libros infantís e xuvenís con predilección polos álbums ilustrados.