Pestanas principais

Fernando Romay pecha coa charla "O valor da diferencia" as V Xornadas de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero en Ames

Venres, 20 de novembro de 2015

[20-11-2015] As V Xornadas de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero celebráronse no concello de Ames os días 19 e 20 do mes de novembro. As actividades e exposicións foron divididas en tres bloques, o último dos cales, tivo lugar durante a mañá deste venres, 20 de novembro, foi dedicado á mocidade e á importancia da educación. Teresa Moure, escritora e mestra da USC, Silvia Pérez Freire, socióloga e investigadora da Uvi e Aixa Permuy, educadora e investigadora da USC, foron as invitadas, xunto con Fernando Romay, a esta xornada.

O alcalde de Ames, José Miñones, foi o encargado de clausurar as V Xornadas de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero. O rexedor municipal faloulles aos rapaces e rapazas dos IES sobre “a relevancia de denunciar e condenar a violencia de xénero”. Instou aos estudantes “a non permanecer indiferentes ante calquera índice de violencia deste tipo na súa contorna, así como a non perpetuar este tipo de condutas nas redes sociais”.

José Miñones explicou así mesmo “a labor que levará a cabo o Concello para a prevención das mesmas, facendo fincapé na importancia da educación. De vós depende o futuro, pero tamén o presente”. Durante o peche institucional das Xornadas tivo tamén palabras de apoio aos equipos amesáns integrados por rapazas, aos que prometeu o apoio do Concello.

Romay destacou a importancia de ''respectarnos nas nosas diferencias''
“Imos formar entre todos un equipo cun obxectivo común: gañar o partido da convivencia”. Esta foi a frase coa que o coruñés, Fernando Romay, deu remate á súa charla O valor en diferencia, que tivo lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os estudantes dos centros educativos de Ames ateigaron o auditorio da Casa da Cultura e escoitaron con especial atención as palabras do que foi xogador do Real Madrid e da Selección Española de Baloncesto.

Fernando Romay captou rapidamente a atención dos estudantes dos IES de Ames, en Bertamiráns, e do IES Milladoiro. O ex-xogador destacou a importancia de medrar en comunidade, da familia e daquelas persoas que “nos apoian e abren novos camiños”. Ademais das súas experiencias vitais Romay ligou o mundo deportivo á problemática da igualdade de xénero, nunha charla que fixo rir, pero tamén reflexionar, aos rapaces e rapazas.

Poñendo ademais os exemplos de grandes deportistas da historia, como o do ex-xogador da NBA, Michael Jordan, aos que admirou e dos que aprendeu a importancia do mutuo respecto e da aceptación e superación dos medos individuais. Ante os estudantes o coruñés admitiu as dificultades que atopou na súa xuventude para adaptarse, debido a súa destacada altura. Demostroulles como o que en principio viu como un defecto rematou descubríndolle unha vocación e unha nova familia, o seu equipo.

Romay aproveitou así mesmo para concienciar aos rapaces e rapazas da importancia de “recoñecer o éxito das mulleres”, así como de “adoptar tamén ídolos femininos”, tanto nos deportes como en calquera outro ámbito da vida. En constante xogo de preguntas e respostas co alumnado o ex-xogador demostroulles a invisibilización actual que persiste na sociedade dos logros femininos, exemplificado na súa falta de cobertura mediática: “A que ninguén me sabe dicir cinco nomes de deportistas españolas?''. As xornadas pecharon cun momento ameno no que os alumnos e alumnas aproveitaron para fotografarse con Fernando Romay.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Fernando Romay aboga por la educación contra la violencia doméstica"