[18-03-2014] O salón de plenos da Casa do Concello acolleu hoxe pola mañá, ás 11:00 horas, o sorteo das hortas urbanas sostibles e solidarias que a Concellaría de Medio Ambiente puxo a disposición da veciñanza do Milladoiro. Durante o proceso de solicitude rexistráronse 51 peticións, que coinciden co número de parcelas dispoñibles. Deste xeito, todos os veciños/as que solicitaron unha parcela poderán dipoñer dela. Aínda así, o sorteo realizouse para determinar que parcela lle corresponde a cada usuario/a. A próxima semana realizárase a sinatura da cesión de parcelas por parte do Concello e dos adxudicatarios/as. Ademais, daráselle aos usuarios/as unha pequena explicación sobre o proxecto das hortas urbanas e sobre o curso formativo que realizarán nas vindeiras semanas. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a lista co resultado do sorteo e o plano coa numeración das parcelas.
Esta mañá finalizou o proceso de adxudicación das hortas urbanas e solidarias que o Concello de Ames ofertou na localidade do Milladoiro. No pasado mes de xaneiro abreuse un prazo para que todos os veciños/as que estivesen interesados presentasen as súas solicitudes para optar a unha das parcelas das hortas urbanas do Milladoiro. Unha vez finalizado o periodo de solicitude contabilizáronse un total de 51 peticións, xusto as mesmas que parcelas hai dispoñibles no Milladoiro. Aínda así, esta mañá houbo que realizar un sorteo para determinar que parcela lle corresponde a cada usuario/a.
As 51 parcelas que ofertou o Concello de Ames dentro da iniciativa das hortas urbanas do Milladoiro están situados nunha finca situada entre a rúa do Seixo e a rúa do Francés e conta cunha superficie de 2.017 metros cadrados. O acondicionamento desta parcela foi posible grazas a unha axuda do Fondo de Compensación Ambiental concedida pola Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia.
A cesión das parcelas é gratuíta e adxudícanse por un prazo dun ano prorrogable por outros doce meses. A concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, explica que “aínda que o acceso ás hortas está aberto a todos os veciños, debido ao fin social e solidario das mesmas reservouse un 14% das parcelas para casos de emerxencia social informados polos Servizos Sociais do Concello e outro 14% para persoas maiores de 65 anos”.
Sinatura da cesión das parcelas
Polo tanto, existen tres modalidades de concesión (libre, maior de 65 anos e en risco de exclusión social). Unha vez adxudicadas as parcelas a cada usuario/a que realizou a corresponde solicitude, agora só queda asinar a cesión das devenditas parcelas un trámite que se fará a vindeira semana entre os adxudicatarios/as das hortas urbanas do Milladoiro e o propio Concello de Ames. Ademais, na vindeira semana os adxudicatarios/as recibirán as chaves das hortas urbanas para poder acceder ao recinto e recibirán unha charla explicativa sobre esta iniciativa municipal.
Por outra banda, a concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, destaca que “as persoas adxudicatarias das hortas urbanas tamén deberán asistir a un curso de formación sobre prácticas sostibles nas hortas urbanas que será impartido polo Concello e, ademais, seguirán o manual de boas prácticas de agricultura sostible que lles será facilitado”. Haberá préstamo de utensilios e ferramentas por parte do Concello de Ames e levarase a cabo un seguimento destas hortas, creando unha comisión de seguimento.
Por último, a concelleira de Medio Ambiente lembra o éxito que esta iniciativa alcanzou en Bertamiráns, onde se puxeron a disposición 34 terreos e se rexistraron máis demandantes que parcelas. Os usuarios/as de Bertamiráns xa asisitiron ao curso de formación e xa plantaron os seus primeiros cultivos nas súas parcelas.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Las huertas de Milladoiro serán entregadas la próxima semana"