- Tematica
A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres, 7 de febreiro, ás 18.00 horas, un concerto infantil de música rock. “Bravas. O rexurdir da luz!” é un concerto roqueiro que ten como protagonistas a mulleres que inspiran e dan luz ao mundo mentres viven unha chea de aventuras. Destinado a un público infantil a partir de 6 anos, as entradas xa se encontran dispoñibles na billeteira electrónica do concello.
“Bravas. O rexurdir da luz!” trátase dunha proposta de calidade que garante diversión para desfrutar en familia a través da música. No seu repertorio hai temas con diferentes ritmos musicais que van dende o rock, disco, punk ou reggae. Un concerto roqueiro que ten como protagonistas a Megatronca, a Superlingua, Paz e moitas máis, que empregan os seus poderes para loitaren contra o abuso escolar, defender a lingua, protexer a natureza ou dar visibilidade ás emocións.
O grupo está formado por Paco Cerdeira Paco Cerdeira (Pakolas, Zenzar), Paula Romero (De Vacas, Coro Encaixe), Anxelo de Xermar (Festicultores Troupe) e Rodrigo Muñoz (Di elas, Lacón con Grelos). Naceu no ano 2015 e dende entón deron centos de concertos poñendo ao público en pé cos cornos en man. No ano 2018 gañaron o Premio Martin Códax da Música 2018 ao mellor grupo de música infantil. Ademais, teñen tres libros-CD no mercado publicados pola Editorial Galaxia.
Para máis información sobre a actuación, pódese enviar un correo electrónico a cultura@concellodeames.gal ou chamar ao teléfono 981 535 940.
Novas relacionadas:
Compostela 24 horas: "A Gramola Gominola chega a Ames este venres"