- Tematica
A cuarta edición da feira “Tanto monte, monte tanto” prevista inicialmente para os días 23 e 24 de novembro no campo da festa de Trasmonte tivo que ser reducida a unha única xornada debido ás condicións meteorolóxicas adversas que se manifestaron durante o domingo, 24 de novembro. Perse a esta circunstancia, o evento co que o Concello de Ames quixo valorizar e difundir a importancia social, ambiental, cultural e económica do monte, bateu todos os rexistro de afluencias das edicións pasadas, duplicando á asistencia do 2023 e triplicando a do 2022. Premendo nesta ligazón pódese acceder á galería de imaxes da Feira do Monte 2024.
O Concello de Ames vén de celebrar a feira do monte “Tanto monte, monte tanto” que tivo lugar o pasado 23 de novembro no campo da festa de Trasmonte. Co obxectivo de converterse nun referente a nivel galego e poñer en valor os produtos do monte do país, dende a organización conseguiuse traer a 25 expositores procedentes de lugares diversos da xeografía galega. Este ano contouse tamén con catro exhibicións, catro obradoiros e diversas degustacións nas que os visitantes puideron deleitarse cunha gama de produtos gastronómicos, dende pans artesanais e aceites galegos ata costela de porco celta e hamburguesas de vaca de cría extensiva.Nesta edición, como novidade, a veciñanza puido desfrutar dunha pulpeira e dun servizo de transporte tanto para a veciñanza dos núcleos urbanos de Bertamiráns e O Milladoiro, como para as zonas rurais baixo demanda.
O alcalde de Ames, Blas García, expresou a súa satisfacción pola boa acollida que tivo esta edición e puxo de manifesto a importancia que ten o rural para Ames pois “pese a ser un concello con dous núcleos urbanos importantes temos un rural que non é unha cuestión menor, pois contamos con 120 núcleos de poboación divididos en 11 parroquias cunha gran riqueza natural e patrimonial”. O concelleiro de Medioambiente, Javier Antelo amosou a firme intención de “seguir potenciando esta feira para que sea incluída no circuíto de feiras de Galicia”.
Dende os expositores expresouse a vontade de volver para a seguinte edición debido á gran acollida que tiveron os seus produtos para o público amesán e foráneo, chegando algunhas firmas a rematar as existencias coas que contaban ou mesmo ter que repoñer.
Expositores participantes
Dende a organización sinalouse a gran satisfacción que supón que a feira vaia medrando en cada edición e se consolide como unha actividade de outono dentro da programación do Concello de Ames. Houbo expositores de castañas, tecidos naturais, cestería, aceites galegos, artesáns que elaboran cosmética natural e vegana, un torneiro que elabora utensilios de cociña, etc; así como un mercado ecolóxico e de proximidade.
No evento fixeron acto de presenza as empresas amesás Silvereira (bixutería en madeira), Tudesbroce (maquinaria forestal) e Labralia (material agrícola), así como do lutier Xosé Tuñas, afincado no concello. Na feira estiveron acompañados de Queixos Vallelongo (alimentación artesá), Castrexa (agricultura), Malas Herbas (xoiería artesanal), De Rositas (artesanía con papel reciclado), Fento do Vento (deseño de pezas artesanais), Jose Manuel Prado (artesá que elabora traballos en madeira), Casperlota (estampación de tecidos naturais), Cabanas rural (tratamento da la), Xosé Tuñas (lutier), Comunidade de Montes de Baroña (aproveitamento multifuncional do monte), Embruxo (aceites galegos artesanais), Planeta ECCO (cosmética natural), Siitake Trives (produción e comercialización de shiitake), Amarelante (castañas ecolóxicas), CinePorCel (porco celta), Hifas da Terra (fungos ecolóxicos), Cova da Vella (produtos apícolas), Licores Barbudos, Comeluz (impresión en madeira), Origen vuelta a lo natural (tés e cafés sostibles), Viveiros de Galicia e Robus Rubra (fariñas e tintas de landra). Esta cita contou coa colaboración das indicacións xeográficas protexidas “Castaña de Galicia” e “Mel de Galicia”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames luce rural y sostenible con la cuarta feria «Tanto monte, monte tanto»"
El Correo Gallego: "A feira de Trasmonte duplica o número de visitantes de 2023"