- Tematica
Esta mañá o alcalde de Ames e concelleiro de Turismo, Blas García, e maila técnica municipal de Turismo, Sonia Moure, recibiron na Casa do Concello á directora da guía turística 20xvinte, Mónica Seoane. O número 15 de dita guía está editada pola Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía, da que forma parte o Concello de Ames. Neste número da guía ponse en valor diferentes localizacións dos 10 concellos polos que transcorre esta ruta xacobea. 20 persoas destes 10 concellos participan neste número da guía para falar do Camiño Fisterra-Muxía. Deste número editáronse 6.000 exemplares en papel, que estarán distribuídos en arredor de 50 establecementos hoteleiros e albergues. Ademais, editáronse 20.000 tarxetas cun código QR a través do cal se pode descargar a guía. Premendo neste enlace podes descargar a guía.
Ames é un dos poucos concellos galegos polo que discorren varios dos Camiños de peregrinación xacobea. Son tres as rutas de peregrinación que discorren polo seu territorio: o Camiño Real de Santiago a Fisterra-Muxía; o Camiño Portugués e o Camiño de Santiago da Ría Muros Noia. O Camiño Fisterra-Muxía é o único que ten en Santiago de Compostela o seu punto de arranque e non o seu final. A primeira etapa do Camiño Real na procura das terras de Fisterra-Muxía desenvólvese por terras de Ames.
Para poñer en valor esta ruta xacobea a Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía, da que forma parte o Concello de Ames, editou un novo número da guía turística 20xvinte.Trátase do número 15 desta guía turística que leva funcionando dende hai 7 anos. Deste número editáronse 6.000 exemplares en papel que conta con 52 páxinas. Ademais, editáronse 20.000 tarxetas cun código QR a través do cal se pode descargar esta guía.
O alcalde de Ames e concelleiro de Turismo, Blas García, destaca “a importancia desta guía turística para poñer en valor o Camiño Fisterra-Muxía, que é o único que non acaba en Santiago, senón que comeza en Santiago e nos leva ata a fin do mundo. Ademais, engadiu “polo concello de Ames discorren tres camiños e un deles é o Camiño de Fisterra-Muxía. Trátase dun camiño moi importante e distinto a todos os outros”.
20 persoas e 20 localizacións
A directora da guía turística 20xvinte, Mónica Seoane, explica que “tal e como reflicte a guía no seu nome, son 20 as persoas dos 10 concellos polos que discorre o Camiño Fisterra-Muxía as que poñen en valor 20 localizacións desta ruta xacobea. Ames é o segundo concello polo que discorre este camiño despois de partir de Santiago de Compostela. Esta guía xa foi presentada no pasado mes de xaneiro en Madrid na Feira Internacional de Turismo, FITUR”.
Un total de 20 persoas dos 10 concellos polos que transcorre o Camiño de Fisterra-Muxía (Santiago de Compostela, Ames, Negreira, Santa Comba, Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión, Muxía e Fisterra) son os encargados de poñer en valor esta ruta xacobea a través de diferentes testemuños e historias.
Inés Suárez e Carlos Berdullas: Augapesada e Ponte Maceira
Por parte do concello de Ames Inés Suárez, integrante de As Mainas e profesora de música, fala de Augapesada. “Na miña aldea, Augapesada, o encanto do Camiño mestúrase cunha fermosa paisaxe e dous puntos moi especiais: o pico de San Marcos, dende o que se ve todo o Val da Maía; e a nosa ponte romana, que din que é da Idade Media e que, aínda que agora non leve a ningures, faite viaxar ao pasado e pensar nas aventuras daqueles peregrinos que antano cruzaban o río”.
A segunda persoa de Ames que participa na guía é Carlos Berdullas, presidente da Asociación de Veciños de Ponte Maceira, que pon en valor Ponte Maceira. “O encanto de Ponte Maceira explícase pola unión dunha paraxe natural preciosa coa arquitectura típica dunha aldea tradicional, xusto no punto no que unha ponte romana cruza o río Tambre ao pé dun salto de auga. Paga a pena ver as vivendas, o pazo, os hórreos ou os pombais, pero hai que entender tamén que son de particulares e que as visitas teñen que respectar o lugar e a veciñanza”.