- Tematica
O programa Apego amesán arrinca o mes de novembro cun contacontos musical “terrorífico” para celebrar o Samaín cos máis cativos. “Historias con susto para durmir a gusto” é un número repleto de música, historias e algún susto para achegar ás crianzas ao conto tradicional, presentado por Vero Rilo e Sonsoles Penadique. O espectáculo, pensado para familias con crianzas a partir dos 5 anos, terá lugar o venres 4 de novembro ás 19:00 horas, no xardín do Pazo da Peregrina de Bertamiráns (ou, en caso de que chova, no interior). Para participar é preciso inscribirse, dende hoxe ata o 3 de novembro, enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos dos asistentes, un teléfono de contacto e a idade dos nenos.
Vero Rilo e Sonsoles Penadique formaron en 2017 o dúo Rilo & Penadique, dedicado á narración oral e á música. Dende entón, a súa misión é relatar e cantar contos que elas mesmas escoitaron ou que están plasmados en algún libro aos máis novos e ao público familiar en xeral. “Historias con susto para durmir a gusto” é un dos seus últimos proxectos, unha proposta de humor e medo a partes iguais. O contacontos, recomendado para nenos a partir dos 5 anos, é de balde. As familias que o desexen poderán levar candeas para iluminar a noite e mesmo ir con disfraces.
Os interesados en asistir deben enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas participantes, así como un teléfono de contacto e as idades dos cativos que acudan. As familias poden anotarse dende hoxe, 25 de outubro, ata o venres 3 de novembro. As prazas serán asignadas por orde de recepción das solicitudes, e non se admitirán inscricións fóra de prazo.
O Apego, espectáculos en galego para os máis pequenos
O contacontos musical encádrase dentro do programa Apego, un proxecto no que colaboran varios concellos, entre eles, Ames, coa intención de aumentar e mellorar o uso do galego no ámbito familiar.
Para coñecer os xogos e espectáculos organizados polo programa pódese consultar a páxina web apego.gal ou poñerse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames mediante o número de teléfono 622 377 215 ou escribindo un correo electrónico a normalizacion@concellodeames.gal. As actividades do Apego para o outono de 2022 en Ames poden consultarse premendo nesta ligazón.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Venres de contacontos musical e terrorífico da man de Rilo e Penadique"