- Tematica
A última proposta do semestre da programación de teatro de Ames para o público miúdo e familiar será “Hugo”, da compañía Os Náufragos. A obra representarase o venres 1 de abril, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, co gallo da celebración do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, que se celebra este sábado 2. Hugo é un rapaz con TEA (trastorno do espectro autista) ao que lle gustan os avións e o piano. A obra, dirixida á rapazada dos 4 aos 10 anos, fala da empatía e da beleza da diversidade. As entradas xa están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames.
“Hugo” é un espectáculo cun forte compoñente social, co que a compañía Os Náufragos busca dar visibilidade e sensibilizar sobre os trastornos do espectro autista (TEA), a miúdo descoñecidos pola sociedade e polos que as persoas con TEA se enfrontan a fortes discriminacións en todos os aspectos das súas vidas.
A obra ten como protagonista a Hugo, un neno con TEA ao que lle encantan os avións e que toca o piano. A través da súa relación con Laia, que visita a Hugo cada día, a representación fala da empatía, da necesidade de comunicarnos e da beleza da diferenza.
Esta é a última das catro propostas dirixidas ao público miúdo e familiar que se incluían na programación de artes escénicas de Ames da primeira metade do ano, despois de que xa foran representadas “Ás para Álex” o 10 de febreiro, “Asdomare” o 17 de marzo e “Aibō”, o pasado xoves 24.
O programa completo de cultura de Ames do primeiro semestre de 2022, elaborado pola Concellaría de Cultura en conxunto coa Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), pode consultarse ao completo premendo nesta ligazón.
Venda de entradas e descontos
As entradas poden adquirirse por 4 euros a través da billeteira electrónica do Concello de Ames, ou ben unha hora antes do comezo do espectáculo na Casa da Cultura de Bertamiráns, no caso de que aínda estean dispoñibles. Haberá prezo reducido do 50% do custo ordinario para o estudantado con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos, a rapazada menor de 12 anos, as familias numerosas, a mocidade co carné xove e as persoas demandantes de emprego.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "‘Hugo’ aborda o autismo no ciclo de teatro familiar"