- Tematica
Esta mañá presentouse no paseo fluvial de Bertamiráns a terceira edición da carreira de orientación do Concello de Ames, que terá lugar no casco urbano de Bertamiráns o vindeiro domingo, 5 de maio, a partir das 11:00 horas. Esta actividade foi organizada polo departamento de Deportes en colaboración coa entidade Xesta Natureza. Xa hai máis de 100 persoas inscritas, e todos/as os/as que desexen anotarse poderán facelo ata as 23:59 horas do mércores 1 de maio premendo nesta ligazón.
O paseo fluvial de Bertamiráns acolleu esta mañá a presentación da III Carreira de orientación, que se celebrará o vindeiro domingo 5 de maio, en Bertamiráns, e que se organiza en colaboración coa entidade Xesta Natureza. No acto participaron a concelleira de Deportes, Susana Señorís; os técnicos de dito departamento, Alberto Viaño e Iván Sanmartín; e Ricardo Figueroa, en representación de Xesta Natureza.
Unha carreira de orientación é unha competición individual, campo a través e cronometrada, na que hai que completar un percorrido no menor tempo posible pasando por puntos determinados no terreo ou balizas. Esta é terceira ocasión que se celebra no concello de Ames, tras lograr unha gran acollida nas dúas edicións anteriores. As persoas interesadas en anotarse poden facelo ata o 1 de maio, premendo nesta ligazón.
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, explicou que “unha das novidades desta edición é a localización, que pasa do pavillón de Bertamiráns ao paseo fluvial”. Así mesmo, sinalou que un dos obxectivos da proba “é coñecer mellor o concello e o seu patrimonio, pasando unha mañá distinta en compañía da familia, dos amigos, ou mesmo individualmente”.
Nesta mesma liña se expresou Ricardo Figueroa, responsable de Xesta Natureza: “A xente local pode xogar con certa vantaxe, porque coñece a contorna, pero non é garantía de éxito; o percorrido xoga con rúas estreitas, monumentos, localizacións agochadas... é tamén unha forma de coñecer todos os recunchos da localidade”. Figueroa tamén explicou que a clave desta proba é “ como entender o mapa, como orientarse con el e como interpretalo”. Ademais, destacou o carácter transversal da carreira, pois “é unha actividade aberta a calquera ripo de persoa, de calquera idade e con calquera condición física”.
III Carreira de orientación
A carreira do vindeiro domingo consistirá en visitar no menor tempo posible tódalas balizas establecidas na orde que se indica no mapa, que se entregará momentos antes do comezo a proba. Pódese facer a inscrición (ata 4 participantes por equipo), nunha das seguintes categorías:
- Xestiñas: categoría para nenos/as, sinxela física e tecnicamente (menos de 3 quilómetros en total).
- Xestas: categoría para adultos, nivel físico e técnico medio (menos de 4 quilómetros en total).
- Xesteiras: categoría para persoas con medios/altos coñecementos de orientación, nivel físico e técnico alto (máis de 5 quilómetros en total).
As persoas que queiran participar de xeito individual deben facer as inscricións por separado.
As saídas, que comezarán ás 11:00 horas, serán graduadas en tempo; é dicir, en ningún momento sairán dúas persoas (ou equipos) no mesmo minuto. A organización facilitaralles aos/as participantes unha tarxeta electrónica para ir rexistrando o paso por cada unha das balizas. Débese completar o percorrido (en orde), dende a saída ata a meta. Ao rematar a proba poderanse consultar os resultados en tempo real coa axuda dun código QR que irá impreso no mapa.
Para obter máis información pódese chamar ao número de teléfono 644 567 614, escribir un correo electrónico a info@xestanatureza.com ou visitar a páxina web www.xestanatureza.com.