Pestanas principais

Inaugúrase a expendedora de leite fresco do Milladoiro

Mércores, 06 de xullo de 2011

[06-07-2011] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, Bernardo Moar, asistiron á inauguración da máquina expendedora de leite fresco que se colocou na rúa Agro do Medio no Milladoiro. Amor e Moar, amosáronlle o seu interese e recoñecemento cara a esta iniciativa ás persoas da gandaría A Portela, que é a promotora da mesma. Ademais, moitos veciños e veciñas achegáronse ata a máquina para saborear o leite fresco.


Excelentes resultados en Bertamiráns

Ramón Barreiro Acobre, un dos catro socios da Gandaría A Portela explicou que os resultados que están obtendo en Bertamiráns, onde hai outra expendedora de leite, son "inmellorables, pois a poboación está respondendo moi ben, e como anécdota dicir que hai unha persoa que ata recolleu leite ás 4.30 da mañá", Ramón Barreiro pensa que este bo resultado responde a que "se trata dunha máquina moi intuitiva, que é moi fácil de empregar polo público en xeral" Dende a Gandaría Á Portela están moi satisfeitos coas ventas que rexistran en Bertamiráns e esperan obter os mesmos resultados en Milladoiro.



Coa instalación desta expendedora en Milladoiro A Gandaría A Portela pon xa dúas expendedoras de leite fresco no concello de Ames, unha delas na avenida da Peregrina en Bertamiráns, e a outra na rúa Agro do Medio, no Milladorio. O leite que se pode mercar nestas máquinas procede de vacas que se alimentan con forraxes naturais e de produción propia, a base de herba, millo, feo e liño. Inmediatamente despois da súa muxidura, o leite é pasteurizado, refrixerado e transportado ata as máquinas expendedoras. Todo o proceso é controlado coidadosamente para ofrecer as máximas garantías de calidade e frescura, e para asegurar que o leite chegue ao seu fogar coas mellores condicións de sabor, aroma e características nutricionais.

A Gandaría A Portela fixo obsequiou ós veciños e veciñas que se achegaron á presentación da expendedora cunha botella de leite fresco así coma coa degustación alí mesmo deste produto.

A máquina está preparada para a venda automática de leite pasteurizado. O modelo dispensador é totalmente automático e está preparado para estar no exterior. Dispón de carga frontal, con capacidade para dous depósitos de 150 litros cada un, con botelleiro integrado e botoeira antivandálica. Dispón de 3,17 metros de ancho, 1,37 m. de fondo e 2,63 metros de altura.

A máquina está equipada con varios sistemas de seguridade para tranquilidade do consumidor e do produtor, e cumpre con todas as normas de seguridade alimenticia, laboral, ambiental, de aparatos eléctricos e todos os demais requisitos oficiais.

Dende a Gandaría A Portela danos cinco razóns polas que se debe de escoller leite fresco. A primeira é que conserva todas as propiedades nutricionais e o seu sabor é cremoso e intenso. A segunda atinxe a que é barato, de máxima calidade e frescura. A terceira refírese a que ao compralo e consumilo estás colaborando con produtores rurais locais, do teu ámbito máis próximo. A cuarta di que estás consumindo un leite con menos contaminación, xa que o leite non se transporta por centos de quilómetros, está preto de ti. E a quinta e última incide en que se consume un leite con menos residuos, xa que o leite non está embotellado (pódese recoller con botellas propias ou coas dispensadas, reutilizables e reciclables).



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Leche fresca para Milladoiro"
El Correo Gallego: "Inauguran la expendedora de leche fresca en O Milladoiro"