Pestanas principais

Increméntanse en 20.000 euros as subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro

Sábado, 19 de xuño de 2021

O Concello de Ames vén de aprobar, a través de decreto da Alcaldía, a convocatoria de subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a promoción de actividades de servizos sociais comunitarios e inclusión social de Concello de Ames, para o exercicio 2021. Con esta convocatoria, o goberno municipal quere acadar unha atención complementaria eficaz destinada ás persoas usuarias dos Servizos Sociais, mediante a promoción de diferentes actuacións relativas, por exemplo, á saúde pública ou á inclusión social de colectivos con dificultades de inserción. Este ano a contía increméntase en 20.000 euros con respecto ao ano pasado e acada os 60.000 euros. Podes obter aquí información sobre o trámite desta convocatoria.

“Promover a inclusión social de colectivos con dificultades de inserción; instaurar programas integrais de base comunitaria en barrios urbanos que desenvolvan accións preventivas, de intervención e seguimento de persoas en risco de exclusión social; potenciar a saúde pública divulgando os efectos de determinadas problemáticas de índole sanitario; así como a adquisición de formación básica e de tipo laboral adaptada ás necesidades de persoas con diversidade funcional son as actuacións que constitúen o eixo vertebral destas axudas”

“Dada a gran acollida que estas axudas tiveron en anos anteriores e analizando o número e a cualidade dos proxectos presentados, este ano optamos por incrementar a contía económica da subvención até chegar aos 60.000 euros”, manifesta a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijó, quen engade que “concibimos estas axudas para o fomento da normalización, autonomía e calidade de vida pola que o Concello de Ames aposta”.   

Liñas subvencionables
A convocatoria considera subvencionables tres liñas de actuacións complementarias dos Servizos Sociais comunitarios: proxectos de inclusión social ou de convivencia, tanto actuacións que formen parte de Programas de inserción social dirixidos a colectivos con especiais dificultades, como actuacións que formen parte de Programas integrais de base comunitaria que desenvolvan accións preventivas, de intervención e seguemento para persoas en risco de exclusión social; xornadas, charlas e en xeral divulgación dos efectos de determinadas enfermidades, adicións, ou outras problemáticas de índole sanitario; e actuacións destinadas a adquirir capacitación persoal, formación básica e de tipo laboral específica, adaptada ás necesidades de persoas con discapacidade física, intelectual, mental ou sensorial, que permitan mellorar a autonomía persoal, o autocoidado, así como a cualificación profesional.
 
Gastos subvencionables
Poderán ser subvencionados, ata un máximo do 80% do orzamento total, os gastos de persoal necesarios para a execución das actuacións; as retribucións totais correspondentes, incluída cotización empresarial á Seguridade Social para os correspondentes grupos profesionais no seus respectivos convenios colectivos; e as retribucións de persoal contratado en réxime de arrendamento de servizos (esta modalidade terá sempre carácter excepcional nos casos en que polas especiais características da actividade non resulte posible a realización polo propio persoal da entidade beneficiaria). Igualmente, inclúense os gastos correntes consumibles non amortizables necesarios para a realización da actividade, incluídos gastos de suministros, non de aluguer, dos locais utilizados para o seu desenvolvemento; e os gastos de axudas económicas directas a persoas usuarias dos Servizos Sociais comunitarios, destinadas á cobertura de necesidades urxentes ou de emerxencia social para satisfacer necesidades primarias. Os gastos para os que se solicite a achega municipal deberán executarse dentro do exercicio 2020.

Entidades destinatarias
Poderán optar a estas subvencións as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro legalmente constituídas, que realicen actividades complementarias aos Servizos Sociais comunitarios, e que desenvolvan a súa actuación, entre outros ámbitos, no Concello de Ames. As entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro deben estar inscritas no Rexistro de asociacións da Xunta de Galicia e atoparse ao corrente no momento da solicitude e do pagamento no cumprimento das súas obrigas tributarias coa AEAT, e Concello de Ames, así como coa Seguridade Social. As entidades solicitantes non poderán ter pendente de xustificación ningunha axuda anterior do Concello, a non ser que lle fora concedida unha prórroga.

Presentación de solicitudes
As solicitudes deberán presentarse a través do rexistro telemático na sede electrónica do Concello ou no rexistro de calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR), en cumprimento do artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. En caso de que unha entidade solicite a subvención para varios proxectos deberá presentar unha solicitude por cada proxecto de actuación. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes a contar desde o día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no BOP.

Este ano como novidade, e recollendo achegas das diferentes asociacións, esta convocatoria vai destinada a proxectos levados a cabo durante o mesmo ano natural, para facilitar a programación, xa que saberían con que finaciación poderían contar con antelación ao desenvolvemento do proxecto. Tamén se propón a materialización de pagos fraccionados que respondan ao ritmo de execución das accións subvencionadas , aboándose por cuantía equivalente á xustificación presentada.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames aumenta a partida de axudas aos colectivos menos favorecidos"

Casa do Concello