- Tematica
A finais do pasado mes de outubro desenvolveuse na cidade alemá de Bonn a competición internacional de patinaxe artística Interland Cup. Os deportistas do CP Sarela, Inés Peña e Jorge Sanmartín, volveron a casa coa medalla de bronce na categoría júnior. Ademais, a patinadora Aroha Traba Castiñeiras, do CPA Omega, participou no Campionato de España que se celebrou en Pamplona.
Outubro foi un gran mes para os clubs de patinaxe artística de Ames. Dende o 24 ata o 26 de outubro, celebrouse en Bonn, Alemaña, a Interland Cup, unha competición internacional de patinaxe artística que contou con representación galega grazas a Inés Peña e Jorge Sanmartín. Grazas aos bos resultados acadados no Campionato de España, a Federación Española de Patinaxe convidounos a participar nesta cita onde competiron en categoría júnior con deportistas de sete países europeos.
A competición comezou o xoves 24 de outubro, co programa curto, e o sábado 26, os patinadores do CP Sarela competiron de novo, desta vez no programa longo: pola mañá patinou Inés, e xa pola tarde foi a quenda de Jorge. Ambos patinadores realizaron grandes actuacións que foron recompensadas con dúas medallas de bronce na súa categoría.
Participación de Aroha Traba no Campionato de España de patinaxe artística
Despois de gañar a medalla de prata no Campionato Galego de Patinaxe, na categoría de benxamín a infantil, celebrado a finais do mes de setembro en Ribeira, a patinadora do CPA Omega, Aroha Traba, representou a Galicia no Campionato de España que se celebrou do 23 ao 26 de outubro en Pamplona.
No seu segundo ano de competición, Aroha xa destacou ao converterse en campioa provincial da Coruña 2024 na mesma categoría, un título que tamén logrou o ano pasado, xunto co campionato galego na categoría benxamín.