Pestanas principais

A información do Orzamento 2023 pódese consultar no portal da Transparencia da web municipal

Xoves, 02 de marzo de 2023

O Pleno do Concello de Ames, na sesión extraordinaria celebrada o 21 de decembro de 2022, aprobou de xeito inicial o Orzamento Xeral do Concello para o exercicio 2023. Ao non presentarse alegacións quedou aprobado con carácter definitivo o 19 de xaneiro de 2023, trala publicación do correspondente anuncio no Boletín Oficial da Provincia da Coruña. O orzamento municipal de 2023 ascende á cifra de 29.725.000 euros, continuando un ano máis co compromiso no investimento e desenvolvemento de programas municipais, así como co reforzo e ampliación dos distintos servizos prestados pola Administración local. O expediente completo coa información orzamentaria de 2023 pódese consultar no Portal da Transparencia da web municipal no apartado de Información Orzamentaria. 

Segundo o Goberno local trátase dun orzamento que medra e se consolida reforzando os servizos, blindando as áreas de servizos básicos, educativos e sociais, e ampliando o crédito en todas as áreas de gasto. A principal área de gasto segue a ser Servizos Básicos con 6.047.000 euros (20,34%), seguida de educación con 5.569.000 euros (18,74%) e servizos sociais e promoción social cun crédito asignado de 3.137.000 euros (10,55%).

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, destaca que “dende que entrou en vigor a aprobación definitiva do Orzamento de 2023, pódese consultar no Portal da Transparencia do Concello de Ames. Na web municipal no apartado de Información Orzamentaria pódense consultar toda a información completa dos orzamentos desde o 2017 ata 2023. Deste xeito, trátase de achegarlle á veciñanza a información orzamentaria que é pública e debe estar aberta para que todas aquelas persoas que o desexen a poidan consultar. Ademais, pódese complementar e ampliar a información orzamentaria, accedendo no apartado de Transparencia á pestana de Orzamentos abertos, que inclúe ademais información sobre a execución de ditos orzamentos, gastos e ingresos por áreas de gasto, pagos a provedores, etc”.

Toda a documentación do expediente de Orzamentos 2023 pódese consultar no Portal da Transparencia da web municipal no apartado de Información Orzamentaria. Deste xeito, pódense consultar as bases de execución; os anexos de investimentos; beneficios fiscais; estado da débeda; os informes económico – financeiro, de estabilidade orzamentaria, regra de gasto e límite de gasto; o resumo de ingresos e gastos, a memoria da Alcaldía, os anexos de persoal, a proposta de aprobación, e mailo avance da liquidación do exercicio 2022, entre outra documentación.

Principais áreas de gasto
O orzamento ascende á cifra de 29.725.000 euros, medrando nun 3,55% (1.018.000 euros) respecto do orzamento 2022. Segundo o Goberno local continuase incrementando o orzamento ano tras ano e consolidando ese incremento co compromiso de reforzo e ampliación dos distintos servizos prestados polo Concello nas distintas áreas de gasto e continuando co esforzo inversor con fondos propios, que acompañan aos investimentos financiados con fondos europeos, subvencións estatais e fondos procedentes da Deputación da Coruña.

A principal área de gasto segue a ser Servizos Básicos nos que se recollen, consolidan e reforzan melloras e investimentos en rede de sumidoiros, abastecemento ligados ao Ciclo Integral da Auga, co desenvolvemento do novo contrato de limpeza viaria e posta en marcha do punto limpo móbil. Tamén se recolle a continuación e reforzo do Plan Rural de mantemento das zonas rurais. Tamén a implantación da nova licitación do contrato de xardinería e mantemento de parques e xardíns, investimentos e actuacións na renovación do alumeado público. Esta área conta cun crédito total de 6.047.149,40 euros porcentaxe que representa un 20,34% do total do orzamento municipal no 2023.

A segunda área con maior gasto é a de educación na que tamén se incrementa o gasto. Nesta área nos últimos dous anos houbo que realizar diversos cambios, debido á pandemia da Covid, que supuxeron un incremento do gasto. Deste xeito, continuase co reforzo e ampliación dos servizos de conciliación. Ademais, neste orzamento recóllese a posta en marcha dun novo servizo de licitación de mantemento de centros educativos. Esta área conta cun crédito total asignado de 5.569.000 euros, representando un 18,74% do total do orzamento municipal.

Os servizos sociais e de promoción social seguen sendo a terceira área en importancia do orzamento municipal cun crédito asignado de 3.137.000 euros, incrementando respecto do 2022 a súa porcentaxe de representación dentro do orzamento pasando dun 9% ao 10,55% do total. Continuase a priorizar e protexer esta área cun aumento do crédito de 580.000 euros respecto do ano 2022, reforzando a contratación de persoal para a tramitación das Renda Social e Axudas de Emerxencia, así como coa posta en marcha este ano da nova licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) con melloras no servizo, ampliación de horas e actualización salarial, actividades para maiores (Amessan), Transporte adaptado, actividades de dinamización dos locais dos maiores, mantemento das axudas para as entidades de iniciativa social, así como reforzo do novo servizo de atención temperá etc.

Imaxe do orzamento 2023