Pestanas principais

Informada e ditaminada favorablemente a Conta Xeral do 2021 do Concello de Ames

Sábado, 30 de xullo de 2022

O pasado mércores, 27 de xullo, ás 13:00 horas, celebrouse a convocatoria extraordinaria da Comisión informativa permanente de Economía e Facenda e Especial de Contas co único punto de “Exame e informe da Conta Xeral 2021”, na que se ditaminou favorablemente a Conta Xeral 2021. O Concello de Ames pechou o exercicio 2021 cun resultado orzamentario axustado de 1.750.000 euros e un remanente de tesourería de 9.366.000 euros, acadando unhas cifras de execución máximas no tocante aos gastos de 27.039.000 euros de obrigas recoñecidas, na que destaca unha cifra de execución de investimentos (capítulo 6) do Concello por importe de 3.245.000 euros e unhas cifras de ingresos que acadaron os 28.355.000 euros.

A Conta Xeral do 2021 xunto co ditame da Comisión Especial de Contas será exposta ao público por un prazo de 15 días hábiles durante os cales se poderán presentar reclamacións, reparos ou observacións. Logo someterase ao Pleno da Corporación para a súa aprobación e renderase ante o Consello de Contas. Dentro da Conta Xeral a liquidación orzamentaria é a parte máis importante e na que se reflicten a execución do orzamento de gastos, ingresos e o resultado orzamentario, así como outras magnitudes coma o remanente de tesourería e cumprimento das regras fiscais.

O Concello de Ames pechou o exercicio 2021 cun resultado orzamentario axustado de 1.750.000 euros e un remanente de tesourería de 9.366.000 euros, acadando unhas cifras de execución máximas no tocante aos gastos de 27.039.000 euros de obrigas recoñecidas, na que destaca unha cifra de execución de investimentos (capítulo 6) do Concello por importe de 3.245.000 euros e unhas cifras de ingresos que acadaron os 28.355.000 euros.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explica que “no ano 2021 continuamos coa crise iniciada coa pandemia da Covid-19 e co mantemento do marco e directrices ditadas polas institucións europeas para preservar a economía que incluían, entre outras medidas, a suspensións das regras fiscais tamén para este exercicio 2021”.

O remanente de tesourería dispoñible no 2020 de 8.363.000 euros, permitiu ao Concello de Ames poder afrontar gastos extraordinarios e continuar co desenvolvemento de plans de reactivación económica e a aprobación do novo Plan Ames Progresa 2021-2023 por importe de 5.756.000 euros, que incluía unha forte inxección en investimentos en obras públicas, subvencións correntes e de capital para reactivar a economía amesá, polo que neste exercicio 2021 o Concello superou o límite da regra de gasto en 1.741.000 euros.

O Concello de Ames durante este exercicio 2021 cumpriu co obxectivo de estabilidade orzamentaria cun resultado orzamentario axustado de 1.750.000 euros e tamén cumpriu co nivel de débeda viva que se sitúa nunha porcentaxe moi baixa de 11,78% cando o límite é de 110%.

Liquidación do orzamento de gastos
No tocante a liquidación do orzamento de gastos recóllense unhas obrigas recoñecidas netas, no exercicio 2021 de 27.039.000 euros, un 6,78% máis que as obrigas recoñecidas no 2020 que foron de 25.322.000 euros, o que supón un incremento en gastos de 1.717.000 euros.

Neste apartado destaca o Capítulo II (gastos correntes en bens e servizos) cun importe que acadou a cifra de 12.400.000 euros incrementando nun 13% respecto do ano 2020. Tamén salientar a cifra no Capítulo I (gastos de Persoal) que subiu a 9.665.000 euros reforzando o emprego público, e aumentando as transferencias correntes (Capítulo IV)  a un importe de 1.398.000 euros incrementando nun 48,5% respecto do ano anterior.

O máis salientable dentro do orzamento de gastos é o forte esforzo inversor realizado durante este ano 2021 cunha cifra de execución de investimentos reais (Capítulo VI), de 3.245.000 euros, a pesar de ser un ano complicado no que houbo problema de subministros que atrasaron moitas das obras.

Os gastos financeiros correspondentes ao Capítulo III foron de 34.500 euros e no tocante á amortización de capital de préstamos durante este exercicio 2021 Capítulo IX-Pasivos Financeiros, a cifra foi de 136.715 euros.

Liquidación do orzamento de ingresos
No que respecta á liquidación do orzamento de ingresos, os dereitos recoñecidos netos ascenden a 28.355.000 euros (no exercicio 2020 foron de 24.132.000 euros), aumentando preto en 4.223.000 euros (nun 17,50%) os ingresos ou dereitos recoñecidos netos respecto do ano anterior.

No tocante aos ingresos correntes (dereitos recoñecidos) destacan como principais partidas de ingresos a recadación por impostos directos (Capítulo I) que acada a cifra de 8.461.000 euros que incrementou respecto da recadación do ano 2020 en 523.000 euros (6,59%); taxas e prezos públicos (Capítulo III) por importe de 6.577.000 euros cun aumento na recadación por taxas e prezos públicos de 1.056.000 euros (aumento dun 19%) motivado pola reanudación das actividades das escolas deportivas, comedores escolares, programas lúdicos... que pecharon durante a pandemia; transferencias correntes IV cun aumento nos ingresos recadando 10.305.000 euros (incremento dun 10,43%), e transferencias capital VII por importe de 1.859.000 euros cun aumento na recadación de 1.099.000 euros (144%).

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero indica que “as contas do 2021 volven a amosar que este Goberno ten un compromiso firme de traballo no tocante á xestión económica e execución e posta en marcha de plans de reactivación que dinamizan a economía amesá. A boa situación económico-financeira do Concello de Ames cun resultado orzamentario axustado de 1.750.000 euros, un remanente de tesourería de 9.360.000 euros e un nivel de débeda moi baixo do 11,78% cando o límite está en 110%, está a permitir facer fronte a políticas expansivas de gasto que reactivan a nosa economía local”.

Ademais engadiu que “para mostra o Plan Ames Progresa 2021-2023 que xa estamos executando, que aprobamos en 2021 por 5.756.000 euros e ampliamos neste ano con novas actuacións e investimentos. Agradecer a todo o persoal municipal dos distintos departamentos o seu traballo e compromiso diario. É un traballo en cadea e todas/os somos necesarias/os e copartícipes dos esforzos e dos logros acadados”.

O alcalde, Blas García, “agradece o traballo realizado polos servizos económicos do Concello” e destaca da Conta Xeral de 2021 “a cifra de execución de investimentos, correspondente ao capítulo 6, por importe de 3.245.000 euros e unhas cifras de ingresos que acadaron os 28.355.000 euros”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Dictamen favorable para una Conta Xeral con 9,3 millones de remanente"

Informada e ditaminada favorablemente a Conta Xeral do 2021 do Concello de Ames