Pestanas principais

Iníciase a licitación das obras de construción de dúas pistas de tenis en Aldea Nova

Domingo, 19 de agosto de 2018

[19-08-2018] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o inicio do expediente de contratación, mediante procedemento aberto, das obras de construción de dúas pistas de tenis en Aldea Nova, por un importe de 79.121,65 euros. Estas actuacións están incluídas no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal “POS+2018” da Deputación da Coruña. Ademais, a Xunta de Goberno aprobou as contas xustificativas da convocatoria de subvencións para a promoción de actividades levadas a cabo por clubs e asociacións deportivas no Concello de Ames durante o exercicio 2017.

No tocante ao Milladoiro, as obras de adecuación realizadas o ano pasado na cancha multiusos da área deportiva da piscina, permitiron gañar unha segunda pista á xa existente e compartida nese mesmo ámbito. A concellería de deportes está na actualidade buscando adecuar algunha pista que permita a práctica do tenis en exclusividade, liberando unha das actuais para o patinaxe e outra de baloncesto.

Subvencións deportivas
A Xunta de Goberno Local tamén procedeu á aprobación da segunda remesa de contas xustificativas da convocatoria de subvencións para a promoción de actividades levadas a cabo por clubs e asociacións deportivas no Concello de Ames durante o exercicio 2017. Neste senso, quedaban pendentes de aprobar as contas de aquelas entidades ás que se lle requiriu documentación e que, dentro do prazo sinalado, cumpriron co seu deber de presentar no rexistro municipal a conta xustificativa e documentación requirida. Procedeuse, polo tanto, á aprobación do gasto das contas xustificativas presentadas con arranxo aos seguintes clubs: Club de Patinaxe Artística Omega, Club de Patinaxe Sarela, AD Basquet Ames, CV Bruxas, Club Deportivo Millarengo Cultura, Club Abuelo Box, Fútbol Club Meigas, Club Ciclista Os Esfola Arrrós, Biduído SR, XL Milladoiro e o Club Ciclista de Ames.

Previamente, en Xunta de Goberno Local do pasado 19 de xullo, aprobáranse as contas xustificativas do Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, Club de Atletismo Millaraio, o Club de Atletismo Sar, a Sociedade de Caza e Pesca Azor, o Motoclub Ameixenda, a AD Val da Maía, o Club Deportivo Rutas a Pie, o CF Agrón, a Asociación Galega de Ciclistas, o CB Ames e os Veteranos Ames. No total, repartíronse 75.000 euros, o que supón a partida mais alta destinada a subvención do deporte da historia de Ames e que achega financiamento a 22 clubs e asociacións de Ames.
Un dos acordos adoptados na Xunta de Goberno Local celebrada este venres, 17 de agosto, foi a aprobación do inicio do expediente de contratación de dúas pistas de tenis en Aldea Nova. O proxecto prevé a actuación na zona oeste da urbanización, onde na actualidade se atopa o campo de fútbol 7, facendo coincidir a esquina suroeste coa esquina do terreo de xogo na mesma orientación, na intersección das barandillas. As pistas serán paralelas coa mesma orientación de cara a non ter problemas co sol. Na cabeceira norte da pista oeste construirase unha plataforma para descanso e acceso dotada con bancos e árbores e outra para, no futuro, construír sobre ela unha pista de pádel. O Goberno pretende así concentrar o deporte de raqueta nas instalacións municipais de Aldea Nova que contan xa coa única instalación de padel municipal e un amplo espazo de aparcamento e zona verde.

Sobre a explanada construiranse os muros perimetrais e de separación das dúas pistas, enchendo o interior cunha capa de grava e, sobre ela, a solera deportiva de formigón poroso, que irá pintada e sobre a que se marcarán ambos campos. Os peches das pistas de tenis terán 4 metros de altura con malla de simple torsión. O que separa una pista da outra terá 2.5 metros de altura. O peche exterior construirase con material reciclado do existente na actualidade nos noiros, que previamente será desmontado.

A elección de ubicación destas novas pistas de tenis foi tratada en diversas xuntanzas do Consello de deportes e conta co visto e bó dos clubs de tenis para poder albergar dúas pistas conxuntas. A pista de tenis actual situada na área deportiva de Bertamiráns atópase nestes momentos con bastante demanda ao adestrar alí dous clubs deportivos e realizarse na mesma as actividades da escola municipal de tenis. Desde o Concello leva programándose unha redistribución de espazos deportivos de xeito que no tocante ao tenis se puidera gañar un espazo que albergase as dúas pistas conxuntas.

Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Iníciase a licitación das obras de construción de dúas pistas de tenis en Aldea Nova"