Pestanas principais

Iníciase a licitación das obras de pavimentación para a mellora do viario de acceso ao polígono do Milladoiro dende a estrada Ventín-Coira

Luns, 12 de agosto de 2019

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de licitación das obras de pavimentación para a mellora do viario de acceso ao polígono do Milladoiro dende a estrada Ventín-Coira. Para executar este proxecto o Concello de Ames recibiu unha axuda da Xunta de Galicia de 68.593,43 euros. O importe total desta actuación ascende a 85.741,79 euros, polo que o importe subvencionado é do 80%, mentres que o 20% restante será sufragado polo Concello. O proxecto técnico foi aprobado no pleno ordinario do pasado mes de xullo.

A actuación consiste na mellora do viario de acceso ao polígono industrial do Milladoiro dende a estrada de Ventín a Coira. Este viario ten unha lonxitude de 370 metros e unha anchura media de 5,5 metros. A súa capa de rodaxe atópase degradada debido ao intenso tráfico que circula en dirección ao parque empresarial desta localidade. Pola marxe dereita de dito viario executarase unha cuneta de seguridade, revestida de formigón de 365 metros de lonxitude e 1,5 metros de anchura con canalización de augas pluviais. Deste xeito aumentarase a seguridade viaria, tapando a cuneta que actualmente está en terra e que ten gran profundidade.

Tamén se acondicionará, por esta mesma marxe, un sobreancho de xeito que se alcance unha anchura total de 6 metros (carrís de 3+3 metros) na capa de rodadura. O firme no sobreancho consistirá en 20 centímetros de zahorra e 15 centímetros de grava con rega semiprofunda. Na calzada actual procederase a reparar as fochancas existentes con grava e rega semiprofunda e corrixirase o peralte da curva do punto quilométrico 0+200 cunha cuña de aglomerado de 6 centímetros de espesor medio.

Finalmente procederase a estender unha capa de aglomerado de 6 centímetros de espesor en toda a calzada. Para evitar a contaminación con terras da estrada procederase ao afirmado con grava e tripla rega dos tres entronques existentes ao comezo da actuación.

Novo acceso para o polígono
Os/as integrantes da Asociación empresarial do Parque Novo Milladoiro teñen sinalado en reiteradas ocasións a necesidade de dotar ao polígono de mellores accesos. Así, en xuntanzas con membros do goberno municipal destacaron a necesidade de abrir un acceso ao polígono no que non fose necesario que a circulación de camións atravese o núcleo urbano do Milladoiro.
 
Deste xeito, a mellora de dito acceso ao parque empresarial permitirá seguir humanizando o núcleo urbano do Milladoiro minorando o trafico de vehículos pesados pola rúa de Abaixo e pola rúa do Muíño Vello, que dan acceso ao polígono dende a estrada N-550. Esta medida está directamente relacionada coas actuacións que se están a desenvolver para a humanización do Milladoiro, como foi a prohibición da circulación de vehículos cunha MMA de máis de 30 toneladas pola avenida de Rosalía de Castro.

Ligazóns:

El Correo Gallego: "Ames mejora otro acceso al polígono para evitar tráileres"

Compostela 24 horas: "Iníciase a licitación das obras de pavimentación do viario de acceso ao polígono do Milladoiro"

Imaxe do polígono industrial do Milladoiro

Multimedia

  • Imaxe do viario de acceso ao polígono do Milladoiro dende a estrada Ventín-Coira