[13-02-2011] A Xunta de Goberno local vén de aprobar esta semana o inicio do expediente de contratación das obras de urbanización da Travesía do Porto. O Concello de Ames encargou o deseño dun proxecto moderno e innovador co fin de ordenar e humanizar o eixo vertebrado dunha das grandes áreas de expansión do Milladoiro. A Travesía do Porto converterase deste xeito no principal viario da zona norte desta localidade. Contará con amplas beirarrúas, prazas de aparcamento nos dous lados do viario, un carril bici e varias ringleiras de árbores na zona de aparcadoiro e nas beirarrúas. Ademais quedará encadrada dentro do futuro parque central do Milladoiro. A Administración local executará este proxecto en dúas fases, primeiro realizarase a urbanización da Travesía do Porto e posteriormente construirase o parque central do Milladoiro. O presuposto de execución por contrata da obra da Travesía do Porto ascende ao importe de 2.362.156,40 euros.
O proxecto de urbanización da Travesía do Porto pretende humanizar unha das principais zonas residencias do Milladoiro e que está situada no medio dun ámbito onde está previsto unha futura expansión cara ao norte desta localidade. Este proxecto complementará as dotacións deportivas, recreativas e socioculturais xa existentes e que son de titularidade municipal. A urbanización deste viario vén determinada pola necesidade de ordenar as futuras implantacións residencias previstas no desenvolvemento dos ámbitos de solo urbanizable que existen nesa zona.
A Travesía do Porto está situada nun enclave estratéxico dentro da zona norte do Milladoiro, xa que ao seu arredor foron construíndose urbanizacións residencias. Iso provocou que este viario sexa un lugar que conta cun importante tránsito, tanto de vehículos como de peóns. Por iso é importante dotala de amplas beirarrúas e espazos verdes que permitan aos peóns circular por este lugar sen preocuparse polo tránsito rodado.
A urbanización deste viario esténdese nun tramo de 640 metros, que discorre dende a Avenida do Muíño Vello, ata o cruce coa rúa Madalena e a rúa Nova. O proxecto concíbese como un paseo urbano con importantes espazos de uso peonil. A travesía terá unha calzada central de 7 metros, con dous carrís de circulación e aparcadoiros laterais de 2,5 metros. Unha das beirarrúas será de catro metros, e a outra de oito, cun carril bici de 2 metros de ancho, e un espazo peonil de 5,75 metros. Tamén disporá de varias ringleiras de árbores na zona de aparcadoiro e nas beirarrúas.
Cómpre salientar que as prazas de aparcadoiro estarán separadas dos carrís de circulación e serán diferenciados mediante a colocación dun material distinto ao empregado na calzada. Deste xeito empregarase o formigón para intentar minimizar a presenza do material asfáltico no trazado da rúa. Por outra banda, o carril bici estará separado do resto da beirarrúa pola sucesión de alcorques e arboredo, e da zona de aparcamento mediante un seto, protexéndoo deste xeito dos vehículos.
Respecto do axardinamento contémplase a colocación de dúas ringleiras de árbores, unha en cada zona de aparcamento, ordenando así a disposición dos vehículos. Ao mesmo tempo está proxectado a implantación dunha segunda ringleira de árbores na beirarrúa de oito metros de amplitude e que contribúa a configuración do paseo urbano.
Financiamento da obra
O presuposto de execución por contrata da obra da travesía do Porto ascende ao importe de 2.362.156,40 euros. Este proxecto será sufragado polo Concello, na parte proporcional de solo que lle corresponde, así como polo resto dos propietarios dos ámbitos deste sector que terán que achegar as correspondes derramas en concepto de gastos de urbanización. Os propietarios de terreo en catro ámbitos deste sector achegarán un total de 1.808.485,60 euros o que representa o 76,5% do financiamento deste proxecto.
Este proxecto abarcará ámbitos de distintos sectores urbanísticos e de diferentes promotores e propietarios do solo. Así, a entidade Santiago Sur SL correspóndelle 13,36% do ámbito APE M2-01, polo que terá que achegar 315.644,12 euros. A entidade urbanística de xestión do S-14 é propietaria dun 23,99% correspondente ao ámbito S-14. Esta entidade terá que achegar 566.607,07 euros do custe total deste proxecto. A Xunta de compensación do S-15 dispón do 17,09% do solo pertencente ao S-15, polo que terá que achegar 403.610,51 euros. A inmobiliaria de Puentes, dispón do 18,65% pertencente ao ámbito URO M4-01 e terá que achegar 440.801,88 euros. Neste mesmo ámbito (URO M4-01) o Grupo IFA dispón do 1,77% polo que terá que achegar 41.924,89 euros, mentres que Muebles Compostela SL, dispón do 1,69%, o que supón 39.897,10 euros.
En canto ao Concello, é propietario dun 23,44% do solo o que significa que debe achegar 553.670,83 euros. Para poder sufragar este proxecto o pasado 16 de abril de 2010 asinouse un convenio de colaboración coa Deputación Provincial da Coruña que aportará 400.000 euros para a urbanización da Travesía do Porto. Polo tanto, o Concello só terá que chegar a diferencia que é de 153.670,83 euros.
A Travesía do Porto está rodeada de servizos públicos que xa están en funcionamento ou que están en trámites de construción, como son o novo centro de saúde, o novo CEIP do Milladoiro e mailo instituto que xa foi adxudicado. Ademais, a zona tamén se está a converter nun importante foco de crecemento para infraestruturas comerciais e de ocio de iniciativa privada.
O alcalde de Ames, Carlos Fernández, indicou a este respecto que o proxecto de urbanización da Travesía do Porto "será a ferramenta que precisamos para garantir unha adecuada ordenación no Milladoiro. Deste xeito os veciños e veciñas do Milladoiro estarán máis preto de todos os equipamentos municipais que hai na actualidade e que se construirán no futuro na zona norte desta localidade".
Recuperación do Camiño Portugués
A denominación de O Milladoiro, fai mención a existencia dun antigo Humilladoiro, propio da presenza dun itinerario de peregrinación á Cidade Santa de Compostela. Non se sabe con certeza cal sería o percorrido deste itinerario do Camiño Portugués ao se paso polo núcleo do Milladoiro, aínda que cabe presumir que dende as proximidades da Capela da Madalena, tería un percorrido semellante ao da futura Travesía do Porto.
Co fin de facer compatible o carácter funcional da travesía, que como se indicou, dará servizo aos novos desenvolvementos urbanísticos, coa incorporación do itinerario do vello camiño portugués, está previsto o desenvolvemento do devandito carril bici, que se estenderá no futuro a outros ámbitos próximos. Este carril servirá como paso para os futuros peregrinos que desexen realizar o camiño en bicicleta.
A nova noutros medios dixitais:
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "El Concello encarga el diseño del ensanche de Milladoiro"
El Correo Gallego: "Cuenta atrás para las obras del bulevar de O Milladoiro"
El Correo Gallego: "Travesía do Porto, lista en seis meses y al mejor precio"