Pestanas principais

Iníciase o proceso de Orzamentos Participativos 2022 no Concello de Ames

Mércores, 12 de maio de 2021

Este martes, 11 de maio, ás 20:30 horas, celebrouse no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, unha xuntanza coas asociacións do rural para falar da execución dos Orzamentos Participativos 2020 e deseñar as actuacións para desenvolver o proceso de Orzamentos Participativos 2022 de cara a escoller as actuacións durante este ano 2021. A dita xuntanza asistiron membros do Goberno municipal e representantes de 15 asociacións veciñais do rural amesán. Estivo representada a veciñanza de 10 das 11 parroquias de Ames.

Este martes, 11 de maio de 2021, botou a andar o proceso dos Orzamentos Participativos 2022 do Concello de Ames. Para iso realizouse unha xuntanza no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, á que asistiron o alcalde, Blas García; a concelleira de Economía e Facenda e voceira do grupo municipal Contigo Podemos, Genma Otero; o concelleiro de Participación Veciñal, Santiago Márquez; a voceira do PSdeG-PSOE, Luísa Feijóo; e mailo voceiro do BNG, David Santomil.

Por parte das veciñas/os asistiron representantes de distintas asociacións veciñais do rural, estando representada a veciñanza de 10 das 11 parroquias de Ames.  Deste xeito asistiron representantes das seguintes asociacións: Asociación de veciños/as Monte do Crego, de Trasmonte; Asociación de veciños/as O Corpiño, de Oca; Asociación de veciños de San Pedro de Bugallido; Asociación veciñal de Covas; Asociación veciñal Pedra do Fuso, de Pousada; Asociación de veciños/as Riamontes, de Pedrouzos; Asociación de veciños/as Paravent, de Ventín; Asociación de veciños/as Santo Tomé de Ames, de Cruxeiras; Asociación de veciños/as San Paio de Lens; Asociación de veciños/as O Quinteiro, de Coira; Asociación de veciños/as Santa María da Ameixenda; Asociación de veciños/as de San Xoán de Ortoño; Asociación de veciños/as Anduriña de San Mamade de Piñeiro; Asociación de veciños/as O Regueiriño de Raíces e Casanova; e Asociación Cultural Lojo Batalla de Tapia.

A xuntanza comezou co alcalde, Blas García, dando a benvida ás persoas asistentes e expoñendo as actuacións a desenvolver nas próximas semanas con xuntanzas con cada unha das asociacións veciñais para por en marcha os traballos previos de cara a definir e redactar o proxecto de mellora da seguridade viaria no rural, actuación escollida pola veciñanza no proceso dos Orzamentos Participativos de 2020, que se executará ao longo deste ano 2021. Ademais, convidou aos asistentes a abrir un debate e avaliación dos distintos procesos de Orzamentos Participativos que se desenvolveron ao longo destes anos, desde 2017 ano no que se iniciou este proxecto de Orzamentos Participativos.

Actuacións seleccionadas durante os Orzamentos Participativos de 2020
Continuou a exposición a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, que enumerou as actuacións seleccionadas durante os Orzamentos Participativos de 2020 que se executarán ao longo deste ano 2021. Preme nesta ligazón para consultar a listaxe de propostas máis votadas -referendadas pola veciñanza amesá- dos Orzamentos Participativos do 2020.

Ademais, anunciou que xa se aprobou definitivamente o Orzamento Municipal 2021 e que nel xa está recollido o crédito para afrontar estas actuacións, recordando que no caso do investimento escollido para o rural "Plan e actuacións e mellora da seguridade viaria no rural" o crédito ascende a 120.000 euros.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, agradecer a asistencia das distintas Asociacións veciñais do rural “onde estaban representadas maioritariamente as parroquias do rural, amosando a súa implicación e preocupación por mellorar a calidade de vida das súas veciñas/os, tentando dinamizar o noso rural con propostas e demandas amplas, que non se limitan só a investimentos, senón tamén ao desenvolvemento de actividades, culturais, medioambientais, de igualdade, etc”.

Valoración dos distintos procesos de Orzamentos Participativos
Por outra banda, presentóuselle de xeito formal ás/aos representantes das asociacións ao novo concelleiro encargado da área de Participación Veciñal, Santiago Márquez, e á nova voceira do grupo de Goberno polo PSdeG-PSOE de Ames, Luísa Feijóo. Tamén se realizou a presentación da nova directiva da Asociación Veciñal de Bugallido recentemente escollida.

O concelleiro de Participación Veciñal, Santiago Márquez, resaltou a importancia da participación nesta xuntanza das asociación veciñais do rural de Ames “xa que son os e ás representantes de ditas asociación os/as que teñen que avaliar o procedemento dos Orzamentos Participativos para tratar de mellorar naquilo que se poida e tamén para coñecer a percepción das asociacións sobre dito proceso”.

De seguido, abriuse un debate no que interviron as distintas asociacións do rural valorando o desenvolvemento dos distintos procesos de Orzamentos Participativos e púxose de manifesto que maioritariamente as asociacións do rural (con 10 votos a favor) preferían volver ao modelo inicial de Orzamentos Participativos cun reparto individual por parroquia, que foi como naceu a iniciativa no ano 2017 e se desenvolveu durante os procesos seguintes, salvo os Orzamentos Participativos de 2020. Houbo dúas asociacións que votaron por continuar coa iniciativa do ano pasado, de dotar un crédito conxunto para unha actuación integral en todo o rural  de 120.000 euros, e unha asociación que se abstivo na votación.

Finalmente abriuse unha quenda de rogos e preguntas por parte das asociacións as cales os representantes do Goberno municipal deron resposta.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Arranca el proceso de Presupuestos Participativos 2022 para Ames"

La Voz de Galicia: "Los colectivos del rural de Ames elegirán de forma individual las obras de los fondos participativos"

Imaxe da xuntanza coas asociacións veciñais do rural

Multimedia

  • Membros do Goberno municipal de Ames