- Tematica
A mediados de mes de novembro de 2017, os Concellos de Ames e Negreira solicitaron á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que declarase a ponte da Ponte Maceira como ben de interese cultural, para o que achegaron unha documentación elaborada para os efectos por Alfredo Varela Nogueira e Iván Cernadas Villar, na cal describen a ponte e o conxunto do seu contorno para xustificar o seu valor sobranceiro. O Diario Oficial de Galicia ven de publicar este luns, 25 de maio, a disposición pola que se se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural a ponte da Pontemaceira sobre o río Tambre, entre os termos municipais de Ames e Negreira. A ponte da Ponte Maceira é un fito singular da paisaxe, que centraliza todo un conxunto de valor cultural e que é o paso dunha vía histórica e do propio territorio do Camiño de Santiago, que posúe en amplo recoñecemento social polos seus valores culturais.
Despois da súa análise e da valoración das diferentes alternativas, estímase necesario considerar a oportunidade de iniciar o estudo do territorio no contexto da delimitación do Camiño de Fisterra e Muxía, ruta principal dos Camiños de Santiago recoñecida na LPCG. Logo do informe dos servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, concluíuse que a documentación existente sobre a ponte da Ponte Maceira, as características da súa contorna e os inmobles existentes, xustifican a incoación do procedemento de declaración como ben de interese cultural do monumento, sen prexuízo de que o futuro expediente de delimitación da ruta dos Camiños de Santiago poida complementar o alcance e condicións da protección. Asemade, mañá martes, 26 de maio, abrirase un período de información pública durante o prazo dun mes, co fin de que as persoas que poidan ter interese examinen o expediente e aleguen o que consideren conveniente.
O concelleiro de Educación e responsable da área de Patrimonio, David Santomil, valora este anuncio como "unha boa nova para ambos concellos e un paso fundamental para a declaración da ponte como monumento BIC, que permitirá a súa protección e posta en valor no contexto do Camiño de Santiago e do patrimonio galego".
A ponte da Ponte Maceira conserva a estrutura clásica das pontes medievais, cun longo perfil alombado cara ao centro, cun arco apuntado e dous arcos de medio punto a cada un dos lados, de entre 6 e 14 metros de luz do arco central. No estribo esquerdo, no sentido das augas, existen dous arcos de carácter máis recente que teñen por obxecto facilitar o desaugamento. Os arcos están protexidos con potentes tallamares de perfil apuntado e remate en chanzos nos dous sentidos da corrente. A calzada ten un largo próximo aos 3 metros. Todo o percorrido da ponte e as zonas de acceso están protexidos cun peitoril de cantaría sobre un pavimento pétreo, todo de refeitura contemporánea xustificada tanto pola funcionalidade como pola integración material, dimensional e cromática coas estruturas históricas.
Estado de conservación
A ponte da Ponte Maceira ten un bo estado de conservación no relativo á súa estabilidade estrutural. Os arcos manteñen unha traza homoxénea e sen apenas abombamentos ou inclinacións. Os Concellos de Ames e Negreira realizan actuacións periódicas de conservación do enclave, como é a limpeza da vexetación, con traballos ás beiras do río Tambre e tamén en altura, para limpar as herbas e maleza que se atopan entre as pedras da Ponte Vella. Na actualidade, a integración da ponte no ambiente é óptima, xa que os percorridos da calzada e dos peitorís se estenden cara as beiras, con accesos aos muíños e ao leito de grandes penedos de granito naturais que no tempo de augas baixas poden ser empregados como zonas de baño. O conxunto de bens compleméntase de forma harmoniosa e o lugar da Ponte Maceira destaca no percorrido da ruta do Camiño de Santiago cara a Fisterra e Muxía.
Historia
A ponte da Ponte Maceira formaliza un paso histórico relevante desde o interior de Galicia cara á costa, conformando o percorrido da ruta principal do Camiño de Santiago cara a Fisterra e Muxía, que remite aos usos sociais e culturais previos á cristianización e globalización do fenómeno xacobeo. A ponte actual erixiríase en época medieval entre dúas xurisdicións en continuo conflito. Entre o século XIII e o XIV o poder eclesiástico de Santiago tería erixido a estrutura co fin de facilitar a comunicación cos portos de Fisterra e controlar o acceso e as mercadorías. Esta situación de fronteira entre poderes feudais faría do lugar da Ponte Maceira o escenario de conflitos relevantes entre Compostela e os señores de Traba e os seus aliados da nobreza galega.
Despois da derruba parcial de 1987, a Xunta de Galicia procedeu á súa restauración en varias fases entre os anos 1991 e 2001, así como diversas obras de integración ambiental nos conxuntos. Nas mesmas datas, o Concello de Ames e o Concello de Negreira acometeron actuacións de conservación e mellora do conxunto, muíños, lavadoiros, pavimentos e espazo público, así como de instalacións de subministración.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Tramitan que A Ponte Maceira se declare Ben de Interese Cultural"
La Voz de Galicia: "Patrimonio inicia el expediente para la declaración BIC de Pontemaceira"
Compostela 24 horas: "Iníciase a tramitación para declarar ben de interese cultural a ponte da Ponte Maceira"