Pestanas principais

Iníciase unha campaña de captación de usuarios/as para o novo centro coworking A Proa

Venres, 21 de maio de 2021

Esta semana o alcalde de Ames, Blas García, e maila concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz, acompañados de varios técnicos municipais, visitaron as instalacións do coworking A Proa, que está situado no parque empresarial Novo Milladoiro. Na actualidade estanse realizando os últimos traballos de acondicionamento do local relativos á instalación da rede para dispor de conexión á Internet. Ademais, está pendente de elaborar e aprobar a ordenanza e regulamento do coworking para a súa posta en marcha. Aínda así, as persoas que estean interesadas en optar a ter un posto neste espazo poden entrar na web para deixar os seus datos. Tamén se está traballando na elaboración dunha APP para a xestión e control de acceso.

En maio de 2020 asinouse a acta notarial para a adquisición do inmoble, que está situado na rúa das Hedras, na entrada do parque empresarial do Milladoiro, onde se vai a poñer en marcha o novo centro coworking A Proa. Despois de varios meses de xestións e traballo por parte dos departamento municipais do Concello de Ames, este espazo colaborativo de traballo xa está máis preto de abrir as súas portas. O local xa dispón de mobiliario e na actualidade estase dotando de cableado para que todos os postos dispoñan de acceso á Internet.

Trátase dun espazo de traballo colaborativo e que terá como finalidade ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego, con especial atención ao sector audiovisual e tecnolóxico. Agora estase traballando na elaboración do regulamento e da ordenanza para a súa posta en funcionamento. O Concello de Ames asinou coa Deputación da Coruña un convenio, a través do cal a administración provincial financiou algo máis do 35% dos custes do local, cunha achega de 200.000 euros.

O local ocupa a planta baixa do edificio de entrada ao parque empresarial, con forma de barco, e que chama a atención polo seu deseño, así como polo alto nivel de implantación na zona de empresas do sector tecnolóxico. O feito de atoparse xusto na entrada do parque empresarial servirá como referente e punto de información para todos aqueles emprendedores ou empresas que decidan iniciar o seu negocio en Ames.

O espazo de coworking dispón dunha superficie de 400 metros cadrados e contará con servizo de acceso á Internet, reprografía, e un servizo de mentorización personalizado e asesoramento. Dispón dun espazo común con 36 postos de traballo e tres postos en despachos independentes. Se os postos fixos non se ocupan todos, haberá postos eventuais que se poderán empregar días concretos para facer xuntanzas ou para acudir ao coworking en días soltos durante a semana.

Ademais, dispón dunha sala de reunións multimedia e para impartir formación; unha zona de recepción; unha zona de espera. Ademais dispón de taquillas, escritorios para traballo individual e colectivo e unha zona de descanso para lunch ou café.

O alcalde de Ames, Blas García, explica que “neste novo espazo porase a disposición de emprendedores/as e empresas da comarca servizos e infraestruturas físicas de apoio para o desenvolvemento dos proxectos empresariais na fase preliminar. Será un espazo de acollida temporal pensado para empresas e autónomos nos seus primeiros pasos. O Concello busca acompañar aos emprendedores coa prestación de determinados servizos adaptados ás necesidades de cada proxecto empresarial co fin de que mediante unha xestión correcta, se facilite o desenvolvemento de iniciativas na localidade, comarca e entorno”.

Campaña de captación de usuarios/as
Aínda que o espazo de coworking aínda non está aberto, e como paso previo, iníciase unha campaña de captación de usuarios/as que estean interesados en dispor dun posto en dito espazo. Para iso, as persoas interesadas teñen que entrar na páxina web para deixar os seus datos e mostrar o seu interese en formar parte da comunidade A Proa. Na cabeceira da web municipal hai un banner que dá acceso directo á web do espazo A Proa.

Ao mesmo tempo estase traballando no desenvolvemento dunha APP para a xestión e control de acceso no coworking. Esta actuación forma parte da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI). Dita actuación está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.

Tres áreas diferenciadas de traballo
O novo centro de coworking busca ser un espazo de traballo destinado a fomentar o traballo colaborativo coa implantación de profesionais de diferentes sectores, autónomos e emprendedores, para o desenvolvemento dos seus proxectos. Os profesionais compartirán o mesmo espazo, fomentando así as sinerxías, a economía social e colaborativa e o espírito de comunidade.

Os emprendedores ou empresas que queiran facer uso destas novas instalacións, deberán darse de alta no novo servizo e poderán realizar o seu traballo en tres áreas diferenciadas. Unha incubadora con espazos libres e traballo individual nunha zona colectiva e con acceso á Internet e outros servizos; outro espazo máis privado con reserva de posto e durante un período determinado no que se poderá realizar o traballo de xeito continuo, e un último espazo de despacho con mesa propia e armario incluído para os proxectos mais avanzados.

O novo espazo exponse como a solución ideal para aqueles profesionais e autónomos, freelances ou microempresas que queren evitar o illamento con todo o que supón, e aforrar custos creando sinerxías e facilitando a conciliación, eixe principal do Concello de Ames.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca que “con esta iniciativa, o Concello de Ames quere dar un paso máis no ámbito da promoción económica e empresarial que vén desenvolvendo e incidir máis no fomento da cultura do emprendemento, pois existe unha correlación positiva entre a promoción do espírito emprendedor e os resultados económicos en termos de crecemento, supervivencia de empresas, innovación, creación de emprego, cambio tecnolóxico e incremento da produtividade que ofrece perspectivas de desenvolvemento socioeconómico para Ames e comarca”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "A Proa, el centro coworking de Ames, abre el proceso de reserva de espacios"

El Correo Gallego: "Recaban emprendedores para el ‘coworking’ A Proa"

Compostela 24 horas: "Iníciase unha campaña de captación de usuarios/as para o novo centro coworking A Proa"

centro coworking A Proa

Multimedia

  • centro coworking A Proa
  • centro coworking A Proa
  • centro coworking A Proa
  • centro coworking A Proa
  • centro coworking A Proa