Pestanas principais

Inscríbete e participa na visita á Costa Ártabra prevista para o sábado 10 de xullo

Mércores, 07 de xullo de 2021

A Aula da Natureza do Concello de Ames organizou para o vindeiro sábado, 10 de xullo, unha visita á Costa Ártabra. Para inscribirse hai que enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.

Os veciños e as veciñas de Ames van poder coñecer os acantilados e os faros da Costa Ártabra, a máis escarpada e inaccesible de toda a península ibérica. A excursión organizada pola Aula da Natureza sairá da praza do Concello, en Bertamiráns, ás 9.45 horas, e da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 10.00 horas.

A Costa Ártabra esténdese por 200 quilómetros entre as rías de Ares e a de Ortigueira é, pese a súa beleza, unhas das máis descoñecidas. A bravura da océano Atlántico moldeou os acantilados máis altos da Europa continental e nesta zona atopamos, ademais, unha gran variedade de elementos paisaxísticos entre os que destacan: a Serra da Capelada, a lagoa de Valdoviño ou a de Doniños.

A visita vai comezar na praia de san Xurxo, en Ferrol, e prosegue cunha pequena ruta a pé, de dificultade media-baixa, para coñecer a praia de Valdoviño. A comida vaise realizar ao aire libre para o que cada participante deberá levar a súa comida.

O regreso está previsto para ás 18.00 horas ao Milladoiro e ás 18.15 horas a Bertamiráns.

Para participar é necesario inscribirse enviando un correo electrónico antes do venres ás 14 horas ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.

Esta é a segunda saída ambiental organizada pola Aula da Natureza este verán. A primeira foi hai dúas semanas á illa de Sálvora. Un saída moi fermosa segundo Patricia Reboreda, técnica da Aula da Natureza “Sálvora sempre sorprende, nesta fermosa illa pódese gozar dunha gran diversidade de hábitats en pouco tempo”.

Cabo Ortegal

Multimedia

  • Faro da Costa Ártabra