- Tematica
A Concellaría de Mocidade ten programada para o sábado, 24 de abril, unha nova actividade do programa Trouleando, que está dirixida a mozos/as de Ames que teñan a partir de 12 anos. Neste caso, organizouse un descenso de rafting polo tramo do río Ula que se atopa entre Carcacía e Herbón. O prazo para inscribirse nesta actividade estará aberto do 7 ata o 16 de abril. Para inscribirse hai que enviar a ficha cuberta ao enderezo omix@concellodeames.gal. As prazas, que son limitadas, cubriranse por orde de chegada das inscricións. Esta actividade é de balde e está organizada pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX).
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Mocidade, retoma as actividades do programa Trouleando. Esta é a primeira actividade de 2021. Durante o primeiro trimestre deste ano non se realizaron actividades debido ás restricións aprobadas pola Xunta de Galicia para tratar de facer fronte á pandemia da Covid-19. Deste xeito, para este mes de abril proponse unha actividade que conxuga diversión, deporte e aventura, para gozar dunha xornada diferente e saír da rutina semanal.
O rafting é un dos deportes acuáticos máis emocionantes para as persoas que queren descargar adrenalina e pasar unhas horas de diversión. Descenderase o Ulla, un dos ríos de interior máis emblemáticos para vivir esta aventura, no tramo entre Carcacía e Herbón (Padrón), facendo un percorrido que atravesa bosques de ribeira con carballos, ameneiros e salgueiros. Os/as participantes descenderán nunha gran balsa río abaixo, entre correntes e rápidos, remando en equipo para esquivar rochas e saltos de auga ata chegar a augas tranquilas onde gozar da beleza natural da contorna do río.
A actividade terá lugar o sábado 24 de abril. Sairase en autobús dende o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, ás 15.00h, e da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 15.15 horas. O regreso efectuarase nas mesmas paradas, chegando O Milladoiro arredor das 21.00h e a Bertamiráns ás 21.15 horas aproximadamente. Os/as participantes menores deben ser recollidos na parada polos pais/nais/titores-as ou representantes legais.
A concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín, explica que “nesta ocasión optouse por unha actividade de deporte de aventura dentro do programa Trouleando. Deste xeito, retómanse as actividades deste programa neste 2021. Como nos meses anteriores esta actividade realizarase ao aire libre para cumprir todas as medidas fonte á Covid-19. Animamos aos mozos e mozas de Ames a que se inscriban nesta nova actividade de rafting da que seguro van a desfrutar”.
Trámites para inscribirse
Para inscribirse debes estar empadroado/a no Concello de Ames, ter de 12 anos cumpridos en adiante e saber nadar. Se queres participar cubre a ficha de inscrición e envíaa ao enderezo: omix@concellodeames.gal. O prazo para entregala está aberto do 7 ao 16 de abril. As prazas son limitadas (por orde de chegada ata completar prazas).
Para esta actividade contarás con todo o material necesario (neopreno, casco, chaleco salvavidas e material de seguridade). Recorda vir equipado/a con traxe de baño, toalla, máscaras, zapatillas deportivas para mollar, crema solar e roupa e calzado de reposto para despois da actividade.
Será preciso contar cun mínimo de 15 mozos/as para desenvolver esta actividade, en caso contrario, o Concello de Ames, poderá anular a actividade. Calquera dúbida contacta coa OMIX no teléfono 616083229 ou no correo electrónico omix@concellodeames.gal.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Rafting gratis por el Ulla para aventureros amienses"
Lindeiros: "Trouleando propón unha actividade de rafting polo río Ulla"