Pestanas principais

Inscríbete na nova actividade de Apego que chega a Ames da man de Cé Orquestra Pantasma

Xoves, 07 de marzo de 2019

[07-03-2019] Xa está aberta a inscrición para asistir ao concerto infantil A voar, do Cé Orquestra Pantasma que chega á Casa da Cultura do Milladoiro o próximo 15 de marzo. A actividade, que se realiza ao abeiro do programa Apego, está destinada a familias con nenos de máis de dous anos. Para inscribirse é necesario enviar un correo electrónico antes do 13 de marzo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que apareza o nome da actividade, os nomes, apelidos e idade dos participantes, así como un teléfono de contacto.

Cé Orquestra Pantasma chega a Ames o vindeiro venres, 15 de marzo, cun concerto presentación do seu novo traballo A voar. Un conto para soñar con música para brincar. A obra xira en torno á pequena Xoana que, movida polo seu enorme desexo de voar, emprende unha longa viaxe na que vivirá novas aventuras e adquirirá unha serie de valores que lle permitirán ser máis feliz.

Mediante esta obra, Cé Orquestra Pantasma pretende axudar aos nenos e nenas a reivindicar a confianza necesaria para satisfacer as súas necesidades de liberdade, movementos e xogo libre. Así, tentará mostrarlles ferramentas entre as que imaxinación ocupa un lugar principal á hora de pasalo ben e de buscar un camiño que lles permita encontrar un catalizador para as súas enerxías.

Esta actividade, que terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro ás 18.00h, é gratuíta e está dirixida a familias con crianzas a partir dos dous anos. Para participar é necesario enviar un correo electrónico a normalización@concellodeames.gal antes do mércores 13. Nel debe indicarse o nome desta actividade, un teléfono de contacto e o nome, apelidos e idade das persoas que queiran asistir.

O programa Apego
Esta actividade enmárcase dentro do programa do Apego, que é un proxecto colectivo que busca acompañar, dar apoio ás familias e poñer en valor a transmisión da lingua galega ás crianzas durante os seus primeiros anos de vida, nomeadamente dos 0 aos 6 anos. Con estes obxectivos ofrécese información, recursos e actividades variadas tanto para familias, coma para os nenos e nenas, educadoras e educadores... O proxecto pretende, ademais, que as crianzas se socialicen en galego e reforzar nelas a identidade coa familia e coas raíces a través de diferentes recursos lúdicos, formativos e informativos. En Ames, o programa do Apego conta xa con máis de 150 familias adheridas.

As familias que estean agardando un bebé ou que teñan crianzas de 0 a 6 anos poden inscribirse no programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, ben a través do correo indicado máis arriba, ben a través do teléfono 662 377 215. Desde o momento en que se inscriban, recibirán información e recursos útiles para a crianza. Pódese ampliar a información sobre o programa visitando a páxina web www.apego.gal