- Tematica
Durante o mes de febreiro continúa o programa Trouleando (Findes para a mocidade), que desenvolve a Concellaría de Mocidade. Trátase dunha iniciativa a través do cal se organizarán diferentes actividades lúdicas, deportivas e culturais, durante as tardes - noites do fin de semana. Estas actividades en principio vanse a desenvolver nalgún dos fin de semana da última quincena de cada mes do ano. Neste mes de febreiro a mocidade amesá pode participar nunha actividade que se desenvolverá nas instalacións do Urban Planet Jump Santiago, situadas no centro comercial de Área Central. Para participar nesta actividade, que é gratuíta, é necesario inscribirse previamente. O prazo de inscrición remata o 18 de febreiro.
A chimpos polo Urban Planet! é o nome da segunda actividade que se organiza ao abeiro do programa Trouleando. Trátase dunha actividade que conxuga diversión, deporte, ocio activo e socialización entre a mocidade. Desenvolverase o venres, 21 de febreiro, de 22.00 a 00.00 horas, nas instalacións do Urban Planet Jump Santiago, situadas no centro comercial de Área Central. Os/as participantes nesta actividade teñen que acudir disfrazados para celebrar o Entroido dando chimpos e trouleando no Urban Planet.
A concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín, explica que “esta actividade é un bo complemento para saír da rutina da semana e fomentar hábitos saudables nun entorno divertido e seguro. Os mozos e mozas que se inscriban nesta actividade poderán gozar dun terreo de xogo cheo de retos para superarse, ocio activo para combater a pasividade e o sedentarismo. Durante os saltos contaremos con DJ e bailaríns ambientando a actividade”.
O desprazamento ata as instalación do Urban Planet Jump Santiago realizarase en autobús dende a praza do Concello, en Bertamiráns, ás 21.00h, e da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 21.15 horas. O regreso efectuarase nas mesmas paradas, chegando a Milladoiro ás 00.30h, e a Bertamiráns ás 00.45h aproximadamente. Os participantes menores de idade deben ser recollidos na parada polos pais/nais/titores-as ou representantes legais.
Esta actividade está dirixida a mozos e mozas que teñan a partir de 14 anos en diante. Para inscribirse hai que estar empadroado/a no Concello de Ames. Ademais é requisito para participar nesta actividade, que é de balde, acudir disfrazado. Se queres participar cubre a ficha de inscrición e envía a omix@concellodeames.gal. O prazo para entregala remata o 18 de febreiro e as prazas son limitadas ata un máximo de 30. Será preciso contar cun mínimo de 15 mozos/as para desenvolver a actividade, en caso contrario, o Concello de Ames poderá anular a actividade.
Para resolver calquera dúbida contacta coa OMIX de xeito preesencial (Casa do Concello, en Bertamiráns, os luns, mércores e xoves, e na Casa da Cultura do Milladoiro, os martes e venres); chama ao número de teléfono 616 083 229 ou envía un correo electrónico a omix@concellodeames.gal.
Programa Trouleando
O programa Trouleando (Findes para a mocidade) ofrece una alternativa de ocio participativo e igualitario para a mocidade de todas as idades e para todos os gustos e intereses. Dentro do programa teñen cabida actividades de deporte aventura, saídas, diferentes encontros, actividades audiovisuais, danza urbana... e moitas outras actividades. Para ir coñecendo a programación de dito programa poderanse consultar as redes sociais da OMIX (Instagram e Facebook). Na páxina web municipal tamén se irá dando conta das actividades que se realizarán a última quincena de cada mes.
As actividades desenvolveranse nas instalacións municipais e prazas públicas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como no anfiteatro do Milladoiro, que se está executando, e no anfiteatro de Lapido que se construirá este ano. A maioría das actividades son de balde. Haberá algunhas nas que haberá que inscribirse previamente, pero anunciarase con suficiente antelación para que os/as interesados/as poidas apuntarse. A maior parte das actividades estarán dirixidas a mozos e mozas de 14 anos en diante.