Pestanas principais

Inscríbete na `Xincana de humor amarelo´ do programa Trouleando

Mércores, 16 de setembro de 2020

A Concellaría de Mocidade ten programada para o sábado, 26 de setembro, unha nova actividade do programa Trouleando. Neste caso, organizouse unha `Xincana de humor amarelo´. O prazo para inscribirse nesta actividade estará aberto ata o 18 de setembro. Aínda quedan algunhas prazas libres das 30 ofertadas inicialmente. Para inscribirse hai que enviar a ficha cuberta ao enderezo omix@concellodeames.gal. As prazas, que son limitadas, cubriranse por orde de chagada das inscricións.

Para este mes de setembro, dentro do programa Trouleando, proponse unha divertida `Xincana de humor amarelo´, un xogo no que se poden realizar diferentes probas para botar unhas risas con amigos ou familiares. O circuíto desta actividade inclúe un montón de retos para facer en grupo e de forma individual, para pasar un día entretido e cheo de diversión.

Os/as participantes dos desafíos terán que demostrar que equipo ten máis axilidade, destreza e valentía… aínda que o que realmente hai que ter son ganas de pasalo ben, escapando de bolas xigantes, resistindo en situacións do máis divertidas ou loitando con aparatosos traxes de auténticos loitadores de sumo. Algunhas das probas das que poderemos gozar son Gladiadores americanos, loitadores de sumo, pista inchable, ponte colgante, parede de puños, rodetes, tea de araña, etc. As instalacións onde se desenvolven ditas actividades están situadas no Monte Alba (a 12 km do centro de Vigo cidade).

A actividade terá lugar o sábado, 26 de setembro, con saída en bus dende o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, ás 15.00 horas, e da Casa da Cultura de Milladoiro, ás 15.15 horas. O regreso efectuarase nas mesmas paradas, chegando ao Milladoiro arredor das 21.00 horas e a Bertamiráns ás 21.15 horas aproximadamente. Os participantes menores deben ser recollidos na parada do autobús polos pais/nais/titores-as ou representantes legais. Recoméndase levar pantalón, camiseta de manga corta, calzado deportivo e roupa de recambio.

Para inscribirse débese estar empadroado/a no Concello de Ames e ter de 12 anos cumpridos en adiante. Se queres participar cubre a ficha de inscrición e envía a omix@concellodeames.gal. O prazo para entregar a ficha de inscrición está aberto ata o 18 de setembro e as prazas son limitadas ata un máximo de 30. Aínda quedan algunhas prazas libres das 30 ofertadas inicialmente. Será preciso contar cun mínimo de 15 mozos/as para desenvolver a actividade, en caso contrario, o Concello de Ames poderá anular a actividade.

Para resolver calquera dúbida contacta coa OMIX, a través do número de teléfono 616 083 229 ou enviando un correo electrónico a omix@concellodeames.gal.

Cartel informativo do programa Trouleando

Multimedia

  • Cartel informativo do programa Trouleando