- Tematica
Paco Nogueiras, compositor e intérprete, conducirá o venres, 13 de novembro ,o concerto virtual Radio Bulebule. Esta sesión, dirixida a nenos e nenas, combinará humor, baile e cancións a través das pantallas. O prazo de inscrición está aberto ata o xoves 12 de novembro e as familias interesadas en participar deberán enviar un correo electrónico ao enderezo: normalizacion@concellodeames.gal.
O programa Apego do Concello de Ames vai continuar realizando parte das súas actividades durante o último trimestre do ano, aínda que dun xeito diferente. Sempre que a actividade o permita, pasarase a formato virtual para que as familias poidan seguir participando nas actividades desde as casas e gozando de recursos que enriquezan a crianza e faciliten a transmisión da lingua.
A sesión de “Radio Bulebule”, dirixida por Paco Nogueiras, compositor e intérprete, realizarase virtualmente. Para poder participar as familias terán que inscribirse, aínda que non haberá límite de prazas. Desde o Servizo de Normalización Lingüística enviaráselles unha ligazón que lles permitirá acceder á sesión a través de calquera dispositivo con pantalla e conexión á rede.
O concerto virtual Radio Bulebule é unha proposta educativa e de lecer dirixida a familias con crianzas menores de 6 anos. A sesión, a través de 12 cancións do libro-disco da editorial Kalandraka, pretende achegar á rapazada á comunicación e ao xornalismo. Os temas dispóñense a modo de grella de programación na que teñen espazo a axenda cultural, magazine de variedades -tendencias, ciencia, naturaleza- , música, tertulia, novas, información deportiva e previsión meteorolóxica. Nas letras das cancións, Paco Nogueiras intenta ensinar as transicións, os indicativos, as sinais horarias...
Prazo de inscrición aberto
O prazo de inscrición está aberto. As persoas interesadas deben enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que aparezan os nomes e apelidos dos participantes, a idade das crianzas e un número de teléfono de contacto. O prazo de inscrición remata o xoves, 12 de novembro.
Dende o departamento de Normalización Lingüística confirmarase a inscrición e as persoas inscritas recibirán a ligazón e as instrucións para poder acceder á sesión virtual. Só será preciso un dispositivo con pantalla e conexión a Internet.
O programa Apego
O programa Apego está dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade inferior a 6 anos.
É un proxecto cooperativo de varios concellos para promover e apoiar o uso do galego na socialización da primeira infancia que apoia as familias con actividades, formación e recursos para facilitar e mellorar a crianza.
As familias interesadas poden sumarse ao programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames enviando o formulario cuberto a través da páxina apego.gal, escribindo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao teléfono 662 377 215.