Pestanas principais

Inscríbete no curso de monitor/a de actividades de tempo libre do Concello de Ames

Sábado, 18 de xaneiro de 2020

O departamento de Mocidade do Concello de Ames organiza para os vindeiros meses un curso de monitor/a de actividades de tempo libre. Este desenvolverase en fins de semana de febreiro, marzo e abril en horario de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. As prazas son limitadas e outorgaranse por orde de entrada. O curso ten un prezo de 172 euros e o prazo de inscrición remata o 29 de xaneiro. Ao pé desta nova poden consultarse as bases e a ficha de inscrición.

O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acollerá nos fins de semana de febreiro a abril, un curso de 350 horas de duración de monitor de actividades de tempo libre. Ofrecerá unha formación dividida en dous bloques: un primeiro de carácter teórico-práctico de 200 horas e un segundo integramente práctico de 150h. A primeira fase desenvolverase principalmente durante os fins de semana, cunha duración de entre 5 e 10 horas, cunha asistencia obrigatoria, xa que o alumnado que non asista a un mínimo do 80% das sesións non poderá ser avaliado pola escola de tempo libre.

Os contidos deste primeiro bloque teórico-práctico estarán relacionados con diferentes disciplinas tais como a psicosocioloxía, a educación ambiental, a organización e recursos, a animación e as súas técnicas, educación para a saúde ou metodoloxía educativa e de tempo libre. A avaliación desta primeira parte basearase, alén de na asistencia, no grao de implicación e no traballo personalizado e individual de cada persoa.

150 horas de prácticas
O segundo bloque, que estará conformado por 150 horas de prácticas en actividades de tempo libre supervisadas por unha titora ou titor, será realizado ao remate da primeira parte do curso. Este segundo bloque contará con dúas modalidades de realización, a primeira consistirá en 14 días de participación nunha actividade ao aire libre, que se poderán agrupar en bloques non inferiores a tres días, ou 150 horas en actividades cunha entidade que traballe no eido da educación no tempo libre. Unha vez completada a primeira parte formativa, o alumando dispón dun prazo de dous anos para facer as prácticas.

O dinamismo e a participación caracterizarán a metodoloxía que se empregará no curso e que buscará a interacción e a participación do alumnado no seu propio proceso de aprendizaxe. Desta maneira, a metodoloxía terá un carácter eminentemente práctico, co obxectivo de que as persoas asistentes adquiran as competencias necesarias para o desenvolvemento de determinadas actividades. De igual maneira, ao longo do curso, o alumnado tamén recibirá diferente material que lle servirá como apoio didáctico e que complementará os contidos impartidos na aula.

Así, esta formación capacita para deseñar, programar e pór en práctica ou avaliar actividades socioculturais ou para o tempo libre, orientadas á infancia, á mocidade, aos maiores ou ás persoas con necesidades especiais. Os contidos deste curso abarcan áreas como psicoloxía, dinámicas de grupo, xogos no tempo libre, expresión, educación ambiental, saúde, lexislación,...

Tramitación das inscricións
A inscrición deberá realizarse no rexistro municipal achegando a ficha de inscrición debidamente cumprimentada, unha fotocopia do DNI e unha fotocopia da titulación académica esixida. As prazas iranse cubrindo por rigorosa orde de inscrición. O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o 29 de xaneiro. O curso só se realizará no caso de acadar as 12 persoas inscritas, existindo no total 20 prazas dispoñibles. O curso, que está homologado pola Xunta de Galicia, ten un prezo de 172 euros cuxo pagamento íntegro deberá realizarse, no caso de acadar praza, do 4 ao 6 de febreiro. A cota tamén poderá ser fraccionada en dous prazos.

Para máis información, pódese contar coa OMIX de Ames no teléfono 616083229 ou no enderezo electrónico omix@concellodeames.gal.

Cartel do curso de monitor/a de actividades de tempo libre do Concello de Ames

Multimedia

  • Cartel do curso de monitor/a de actividades de tempo libre do Concello de Ames