- Tematica
O próximo luns, 22 de xuño, abre o prazo de inscrición para os primeiros cursos de natación deste verán, que se desenvolverán ao longo do mes de xullo. En agosto realizaranse unha nova serie de cursos de natación, para os que será necesario inscribirse entre o 6 e o 17 de xullo. Estas actividades terán lugar de luns a venres, tanto na piscina descuberta de Bertamiráns coma na do Milladoiro. Esta iniciativa está organizada pola Concellaría de Deportes en colaboración coa Deputación da Coruña. Premendo nos enlaces que están ao pé desta nova poderás obter o impreso de solicitude para os cursos de natación.
Coa chegada do verán comeza o prazo de inscrición para os cursos de natación do mes de xullo. Así, dende o luns 22 ata o vindeiro día 28 de xuño, estará aberto o prazo para inscribirse nalgunha das catro quendas destas actividades. Ditas quendas están organizadas en función da idade dos/as participantes. Porén, as persoas que prefiran acudir aos cursos de natación que se impartirán en agosto deberán realizar a inscrición entre o 6 e o 17 de xullo. Os cursos están organizados pola Concellaría de Deporte en colaboración coa Deputación da Coruña.
Tanto os cursos de xullo como os do mes de agosto están organizados en función da idade das e dos participantes, polo que ambos manterán os mesmos horarios. Ás 11:15h comezarán os rapaces e as rapazas que superen os 10 anos de idade, mentres que ás 12:00h será a quenda dos/as nenos/as de 8 e 9 anos. A continuación, ás 12:45h, entrará na piscina a rapazada de 6 e 7 anos, aos que seguirán os cativos e cativas de entre 3 e 5 anos a partir das 13.3 0horas, que serán os últimos en mergullarse na auga.
Trámites de inscrición
As inscricións hai que tramitalas de xeito telemático enviando un correo electrónico a deportes@concellodeames.gal (para os cursos impartidos en Bertamiráns) e deportes.milladoiro@concellodeames.gal (para os cursos impartidos no Milladoiro). Haberá que enviar o impreso de solicitude cuberto, unha fotocopia da tarxeta sanitaria e o modelo de autoliquidación pagado.
A folla de autoliquidación pode solicitarse nas oficinas de recadación (en Bertamiráns, na praza da Horta de Abaixo, número 6; ou no Milladoiro, na rúa Viorneira, número 6) ou no correo electrónico ames@canaltributos.com. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 88 48 96. Os/as usuarios/as tamén poderán tramitar directamente a súa autoliquidación na Oficina Virtual Tributaria.
Prezos dos cursos
No tocante ao prezo, cada familia deberá abonar 20 euros, reducíndose a 10 para segundos membros e a 5 para terceiros e restantes.
Debido a actual situación, derivada da crise sanitaria ocasionada pola Covid-19, o Concello solicita que as/os interesados/as descarguen o modelo de solicitude desde a páxina web, así como solicitar a folla de autoliquidación por correo para despois facer o correspondente pago.
Para máis información poden enviar un correo electrónico aos enderezos deportes@concellodeames.gal / deportes.milladoiro@concellodeames.gal ou chamar aos números de teléfono 981 535 940 ou 619 842 504.