Pestanas principais

Inscríbete nunha nova edición do obradoiro de ganchillo

Xoves, 27 de setembro de 2018

[27-09-2018] Un ano máis, a Oficina de Voluntariado de Ames organiza unha nova edición do “Obradoiro de ganchillo para novatos”, que comezará o vindeiro 5 de outubro. Dito taller está dirixido tanto a persoas que xa teñen coñecementos sobre ganchillo coma a aquelas que buscan iniciarse nesta manualidade. Para inscribirse nesta actividade, que conta con un número de prazas limitado, é necesario facelo na Oficina de Voluntariado de Ames, situada na Casa da Cultura do Milladoiro ou de Bertamiráns, ou a través do número de teléfono 662 377 044.

A través dunha nova edición do “Obradoiro de ganchillo para novatos”, a profesora voluntaria Silvia Vidal ensinará, por segundo ano, nocións de ganchillo para elaborar pezas de roupa, bolsos para nenos/as, monecos, manteis, fundas para móbiles, gorros, etc. O obradoiro está dirixido tanto a persoas que xa teñen coñecementos sobre o ganchillos como a aquelas que se queiran iniciar nesta actividade.

O obradoiro terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns todos os venres, en horario de 11.00 a 13.00 horas. Así, as clases, que comezarán o vindeiro venres, 5 de outubro, estenderanse ao longo do curso 2018/19, entre os meses de outubro e finais de xuño.

Para participar neste obradoiro é necesario inscrición previa, que poderá realizarse persoalmente na Oficina Municipal do Voluntariado (OVA), situada nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, ou a través do teléfono 662 377 044. Tamén poderán dirixirse a ditos puntos se necesitan información sobre algunha das actividades organizadas pola Oficina de Voluntariado de Ames.