Pestanas principais

As instalacións do Real Aeroclub de Santiago acolleron a Gran Final do III Circuíto de Golf TUR 43

Xoves, 05 de outubro de 2023

O Real Aeroclub de Santiago, situado na parroquia amesá de Piñeiro, acolleu este pasado sábado a Gran Final do III Circuíto de Golf TUR 43, un evento deportivo que percorreu desde o mes de maio distintos campos do norte de España e Portugal promovendo o golf e, á súa vez, os atractivos das diferentes rexións. O éxito deste evento deportivo reflíctese nas máis de 1.000 persoas que participaron nesta terceira edición. O alcalde de Ames, Blas García, e maila concelleira de Deportes, Susana Señorís, asistiron á cea de peche de dito torneo que se celebrou no Hotel Oca Porta do Camiño.

O xogador Marco Antonio Álvarez foi o primeiro clasificado na primeira categoría, cun total de 36 puntos, e fíxose co cobizado premio dun cruceiro polas illas gregas de sete noites para dúas persoas de Celebrity Cruises que recolleu de mans do director territorial de Asturias, Cantabria, Castela e León e Galicia de Grupo Viaxes El Corte Inglés, Jesús Manuel Miguel García.

A entrega de premios tivo lugar durante a cea de gala no Hotel Oca Porta do Camiño, en Santiago, onde o director da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel, tamén fixo entrega dun trofeo e un lote de produtos Cabo de Peñas Gran Selección ao gañador.

Con 32 puntos, Pablo Díaz Caridad foi o primeiro clasificado na segunda categoría durante a gran final deste evento deportivo, facéndose cun lote de produtos Cabo de Peñas Gran Selección e outro de Terra de Preguntas, ademais do trofeo do III Circuíto Internacional de Golf TUR 43. A entrega destes premios correu a cargo do alcalde de Ames, Blas García.

Por outra parte, o premio ao mellor sénior recaeu sobre Jesús Olasolo Beitia, mentres que María Asunción García Gallego fíxose co título á mellor dama. Ambos levaron un estoxo dourado Martín Códax e unha selección especial de Aceites Abril.

O Torneo Paralelo e os Premios Especiais
A celebración da Gran Final do III Circuíto Internacional de Golf TUR 43 coincidiu co Torneo Paralelo, no que Mencía Suárez Vázquez alzouse co máximo recoñecemento e recibiu un lote de produtos Cabo de Peñas Gran Selección e dous estoxos dourados especiais Martín Códax, un por ser a primeira clasificada en primeira categoría e outro polo recoñecemento como mellor driver feminino no burato 12, un dos premios especiais que outorga este evento deportivo.

Pola súa banda, a primeira clasificada en segunda categoría, Ángela García García, fíxose co trofeo do III Circuíto de Golf TUR 43, ademais dun lote de produtos Cabo de Peñas Gran Selección e un estoxo dourado Martín Códax.

O resto dos premios especiais leváronllos Vicente Romeo Martínez, mellor driver masculino; Paulo Estévez, mellor approach no burato 2; e Javier Bellido, mellor approach no burato 9.

Cea de gala final
O Hotel Oca Porta do Camiño foi o escenario da cea de gala que un ano máis puxo o broche de ouro a un evento deportivo que conseguiu facerse un oco nalgúns dos mellores campos do norte de España e Portugal. Nun acto conducido pola xornalista Belén Xestal, os/as gañadores/as recibiron os seus premios, non sen antes escoitar as palabras do codirector do Circuito Internacional de Golf TUR 43, Enrique Ulloa, que agradeceu a elevada participación no evento. Tras a entrega dos galardóns, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, foi o encargado de pechar o acto.

O valor principal do Circuito Internacional de Golf TUR 43 é que fusiona deporte, gastronomía, turismo e natureza. Un dos obxectivos é poñer en valor o potencial turístico dos territorios que atravesa, ofrecendo aos seus xogadores a posibilidade de degustar produtos e conseguir grandes premios, como estancias en aloxamentos únicos ou experiencias culinarias.

Novas relacionadas:

Ames Go: "O III Circuíto de Golf TUR 43 celebrou en Ames a súa gran final"

O alcalde de Ames, Blas García, e maila concelleira de Deportes, Susana Señorís, asistiron á cea de peche de dito torneo

Multimedia

  • O alcalde de Ames fixo entrega dun dos premios
  • O alcalde de Ames, Blas García, e maila concelleira de Deportes, Susana Señorís, asistiron á cea de peche de dito torneo
  • O xogador Marco Antonio Álvarez foi o primeiro clasificado na primeira categoría, cun total de 36 puntos
  • As instalacións do Real Aeroclub de Santiago acolleron a Gran Final do III Circuíto de Golf TUR 43