Pestanas principais

Investiranse 109.807 euros na mellora da estrada que vai dende a rotonda da Bola ata o lugar de Framán na parroquia de Bugallido

Luns, 20 de xaneiro de 2020

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación do expediente de licitación da obra de pavimentación da estrada que vai dende a rotonda da Bola ata o lugar de Framán, pertencente á parroquia de Bugallido. Esta obra está incluída no POS+ 2019. O proxecto foi adxudicado á empresa SYR-AMG SL por un importe de 109.807,72 euros. A adxudicación deste proxecto súmase a outras como a pavimentación do camiño de Mercuto a Folgueira (Ameixenda), que foi adxudicada por un importe de 29.662,90 euros. A través do POS+ 2019 executaranse 13 proxectos.

A través do plan provincial POS+ 2019 o Concello de Ames vai a executar a obra de pavimentación da estrada que une a rotonda da Bola (situada na estrada provincial que comunica Bertamiráns con A Ramallosa) co lugar de Framán, na parroquia de Bugallido. Este proxecto está incluído dentro do POS+ 2019 e foi adxudicado á empresa SYR-AMG SL por un importe de 109.807,72 euros.

Os traballos desenvolverase en cinco treitos de 100x5,50; 100x6,00; 470x5,50; 600x3,50 e 70x5,50 metros, así como tres sobreanchos de 40x3,00; 30x4,00 e 6x4,00 metros. Deste xeito, preténdese a mellora da capa de rodaxe do viario con cinco centímetros de aglomerado en quente a toda a plataforma, previa reparación de baches e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo.

Ademais, contémplase a execución de 836 metros (180, 92, 182, 162, 60, 40 e 120 metros) de cuneta de seguridade revestida de formigón, baixo a que se canalizará tubería de PVC de 315 milímetros de diámetro e executaranse 24 arquetas con sumidoiro para recollida de augas pluviais, previa escavación de zanxa e posterior recheo compactado da mesma.

Finalmente contémplase a limpeza de gabias e salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal, a sinalización horizontal con pintado de liñas en bordes e símbolos e unha partida para adaptación de pozos e arquetas á nova rasante.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explica que “dentro do POS+ 2019 incluíronse diferentes proxectos para mellorar as vías de comunicación do rural amesán. Neste caso vaise a mellorar a estrada que vai dende a rotonda da Bola ata o lugar de Framán. Deste xeito, mellorarase o firme de dita vía co obxectivo de incrementar a seguridade peonil e dos vehículos que circulan por esta estrada”.

 

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "Ames mellora a estrada que vai dende a rotonda da Bola ata o lugar de Framán na parroquia de Bugallido"

Obra de pavimentación

Multimedia

  • Obra de pavimentación